Cos 81 anos cumpridos, Xosé Luís Méndez Ferrín é para moitos o máis grande escritor galego vivo. Mais este 2019 tamén se cumpren 20 anos de mutismo narrativo. Dende que en 1999 publicase con Xerais a novela No ventre do silencio, Ferrín non fixo pública máis obra narrativa. Atrás quedaron xoias da literatura galega do século pasado: Arraianos (1991), Antón e os inocentes (1976), Elipsis e outras sombras (1974) Retorno a Tagen Ata (1971) ou O crepúsculo e as formigas (1961), entre outros títulos tamén sobresaíntes.
O último dos artefactos narrativos ferrinianos, No ventre do silencio, retrata cun estilo pormenorizado a Compostela dos anos 50 e as guerras políticas soterradas no cerne da ditadura franquista. Ferrín segmenta co seu bisturí literario as clases sociais da cidade e tamén bota luz sobre os xermolos que posibilitarán a emerxencia en anos posteriores dun movemento nacionalista de esquerdas.
O seu traballo coñecido como escritor nestas dúas décadas foron tres títulos de poesía: O outro (2002), Contra maquieiro (2005) e Era na selva de Esm (2005). A isto hai que sumar a publicación habitual de artigos xornalísticos no diario Faro de Vigo e algunhas colaboracións en obras colectivas.