Antonio Fraguas, a cultura popular toma as aulas

Cotobade, a terra natal de Antonio Fraguas, foi o lugar elixido pola Real Academia Galega (RAG) para lanzar a cuarta edición de Primavera das Letras, un proxecto didáctico que chega a todas as escolas de primaria do país e que busca achegar aos máis cativos á figura á que cada ano se lle dedica o 17 de maio. Neste caso, o CEIP de Carballedo, un pequeno centro do rural con apenas sesenta alumnos vestiuse de gala para recibir a representantes da RAG (o presidente Víctor Freixanes e a académica Fina Casalderrey), da Fundación Antonio Fraguas, do Concello de Cerdedo-Cotabade e a familiares do autor homenaxeado.

O portal Primavera das Letras ofrecerá ao longo das vindeiras semanas diverso material en forma de fichas didácticas e actividades interactivas pensado para que os docentes e as familias poidan traballar contidos transversais relacionados con Fraguas. Canda isto, tamén se poñerá en marcha un ano máis o concurso ‘Contádenos o voso Día das Letras’ que pretende servir de escaparate aos recursos que producen as propias escolas e intentar que ese inxente labor chegue tamén á sociedade.

Víctor Freixanes subliñou que o proxecto quere ser na rapazada unha “semente primeira para coñecer e amar a súa cultura e o seu país”. A ese respecto o presidente da RAG sostivo que “arredor da figura que cada ano a Academia elixe para celebrar o Día das Letras Galegas, procuramos elaborar propostas e iniciativas útiles para o ensino e para a dinamización cultural nestes niveis”. En relación á comunidade docente afirmou que “Somos moi conscientes do seu esforzo, da súa dedicación e do seu talento, que se manifesta na cada vez maior participación de colexios nesta convocatoria”.

Na súa intervención, Fina Casalderrey explicou que este proxecto é unha das iniciativas da RAG que máis satisfacción lle producen a nivel persoal, “quizais porque me permite seguir en contacto co alumnado e o profesorado, e enchoupármonos de vida, de entusiasmo e de esperanza no futuro da nosa lingua e, como consecuencia, de nós como pobo”. “Para que as Mil primaveras de Cunqueiro se cumpran, hai que crear vasos comunicantes entre a Academia e a xente miúda e o profesorado”.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*