A verdadeira lotaría é que Banksy vos pinte o galpón

Ian Lewis, un obreiro galés da cidade de Port Talbot, acaba de comprobar que hai grafitis que se parecen moito á lotaría. A historia empezou a mediados do pasado mes de decembro cando descubriu que alguén pintara o galpón no que aparca o coche. Nas paredes de bloque apareceu o debuxo dun neno xogando co que semellan folerpas de neve, pero que non son outra cousa que restos de borralla (cómpre lembrar que a principal industria de Port Talbot é a do aceiro). O seu autor: o célebre e misterioso Banksy.

Agora un galerista inglés, Jhon Brandler, vén de pagar 129 mil euros pola obra de arte. O acomodado coleccionista xa posúe varias obras de Banksy e sinalou que está disposto a que a obra permaneza durante dous anos no galpón para que sirva de atractivo turístico. Porén, o coidado do grafiti xa se converteu nun crebacabezas. Numerosas persoas achéganse cada día ata a zona para ver de preto a obra de arte. Para protexela de posibles ataques, xa se instalaron vallas e contratouse un servizo de vixilancia privada.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*