Letras 2018, o futuro escríbese nos pupitres

A Real Academia Galega púxolle este martes o ramallete ao Primavera das Letras 2018, o proxecto dirixido a celebración do 17 de maio nas escolas de todo o país. E fíxoo, como non podía ser doutro xeito, tendo como convidados especiais aos principais protagonistas: os nenos e nenas. Ata a sede da RAG desprazouse o alumnado da Escola de Educación Infantil do Milladoiro (Ames), do CPI Virxe da Cela (Monfero) e do CEIP Anxo da Garda (A Coruña), que foron os centros que resultaron premiados no sorteo do certame ‘o voso Día das Letras’.

Canda eles, para recibilos estivo o presidente da institución, Víctor Freixanes, a académica Fina Casalderrey e tamén Pedro Ferriol, o viúvo de María Victoria Moreno; Francisco Castro, director xeral de Galaxia; Andrea Jamardo, de Urco Editora; e Teresa Rocamonde, responsable de comunicación de Bolanda. Escusou a súa presenza Fran Alonso, de Xerais, editora que canda as outras tres participan no certame doando lotes de libros.

Os docentes dos centros que participaron no acto agradeceron á Academia a posta en marcha dun proxecto que serve para fornecer de material didáctico arredor da autora que é homenaxeada cada ano. Outros, coma Francisco Castro, subliñaron a importancia de iniciativas que serven para abrir a RAG á sociedade, e, en particular, ás xeracións máis novas. A este respecto, Freixanes agradeceu en especial a participación dos centros: “moitas grazas a todo o profesorado, porque vós sodes o corazón da causa da lingua e desta Primavera das Letras que celebramos”.

Con este acto, péchanse as actividades do Primavera das Letras 2018, que comezou o pasado mes de febreiro cunha presentación no colexio Marcos da Portela, en Monteporreiro (Pontevedra). Ao longo destes meses, en especial durante a primavera, a RAG lazou diverso material didáctico destinado a achegarlle a vida e obra de María Victoria Moreno aos escolares de infantil e primaria. Tamén se convocou por segundo ano consecutivo o certame ‘O voso Día das Letras’. Nesta ocasión participaron no concurso máis de oitenta centros de toda Galicia.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*