Son apenas tres minutos e medio de gravación, pero é sen dúbida unha xoia da historia do rock galego. O xinecólogo Xosé María Ríos, que colaborou nalgún concerto coa banda, acaba de subir a youtube unha gravación en Super 8 dunha actuación da banda NHU na cidade de Vigo (que data do mes de xaneiro de 1976). O propio autor sinala que é posible que esta sexa a única película que existe dunha actuación ao vivo daquel mítico grupo de rock .
A banda, que se formou en Compostela contra o ano 1974, só chegou a gravar un disco en 1978. Naquel traballo de estudio (co selo Zafiro) incluíanse seis temas: Na terra do verde chan, A titiritada, Friky and Alexo; Doente, Hai un tren e A trancas e barrancas.
Ademais da gravación en Super 8 que agora sae á luz, polo seu interese, recuperamos dous textos sobre o grupo:
- N.H.U: con ellos llegó a Galicia en 1978 el rock progresivo y la psicodelia (blog de Nonito Pereira, outubro de 2013)
- Tras a pegada do rock progresivo de N.H.U (texto de Carme Vidal en Sermos Galiza, novembro de 2014)