Ledicia Costas: “É esencial que os libros sexan un obxecto familiar. Os pequenos len por imitación”

LediciaSeguimos repasando o proxecto “A lectura, unha chave de futuro”,  nesta ocasión reparamos na conversa que mantivemos con Ledicia Costas, unha das autoras máis destacadas do momento. Nacida en Vigo en 1979, sonoros éxitos entre a crítica e os lectores por obras como Escarlatina, a cociñeira defunta, unha novela dirixida a nenos e nenas de once e máis anos que está trunfando alén das nosas fronteiras.

Costas ten moita experiencia directa coa rapazada, cada ano visita ducias de centros escolares para atoparse cos seus lectores: “O que eu fago é falarlles no seu propio idioma. Nunca me sitúo nun plano superior. Cóntolles as anécdotas que deron lugar a este ou aquel episodio que se relata no libro co que están traballando na aula, normalmente nun rexistro humorístico. Trato de explicarlles que ler é algo único. Algo que os fará ser guapos por dentro. Ler alimenta o cerebro, a intelixencia e a imaxinación.”

Pero, máis aló das aulas, que podemos facer dentro das familias? Aí van algunhas claves: “Algo tan sinxelo como lerlles contos antes de durmir, crea un vínculo especial, ao tempo que se empeza a traballar o campo da imaxinación. Premialos cunha visita a unha libraría e darlles a posibilidade de que escollan un libro, regalarlles un carné da biblioteca… as opcións son infinitas. Trátase de facerlles entender que a lectura é algo distinto a todo. Unha viaxe marabillosa que está ao seu alcance.”

E comparte con nós unha última reflexión dirixida aos pais e ás nais: “É importante que entendan que os libros poden marcar as futuras inclinacións culturais e intelectuais dunha cativa ou dun cativo. É esencial que os libros sexan un obxecto familiar. Os pequenos len por imitación. Se na casa hai libros, van ter curiosidade por saber que cousas contan eses obxectos cheos de letras.”

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*