Un texto de R.Vilar
O día xa abrira. Lois meteu o coche nunha corredoira cando xa estabamos chegando á aldea.
-Quedan un par de tiros.

Deixou o vehículo acendido en punto morto e baleirou a bolsiña de plástico enriba da carteira. Mentres machucaba os últimos grans de cocaína eu fixen un rolo cun billete de dez euros que atopei no peto.
– Meus pais queren que quede coa explotación. Lévanme rompendo a cabeza con iso dende hai semanas. Eu non sei que facer tío, é moi escravo. Xa sabes, as vacas non entenden de horarios, hai que darlles de comer e muxilas todos os días, aí non hai domingos nin festivos que vallan…Comenteillo a Sonia e púxose de morros. Ela está coa teima de que busque un traballo e de marchar para Carballo. Conteiche que lle dan curre no Carrefour?
Lois aspirou a raia e pasoume o billete e maila carteira. Non souben que lle dicir. Quedei calado uns momentos e logo limiteime a lamber as migallas de farlopa.
– Non sei, tío. O das vacas é moi escravo. A min gústame, pero é moi escravo. Meus pais nunca souberon o que eran unhas vacacións. Nunca. Non lembro que durmisen fóra da casa.
Notei o gusto amargo da droga baixando pola gorxa. Lois quitou o freo de man e meteu marcha atrás. Ao lonxe escoitouse balbordo de cans e dous disparos de escopeta. Algunha perdiz fuxindo dun domingo de caza.
Deixoume na eira. O “mosqui” veume saudar á porta do coche co rabo ergueito e con ganas de xogar. Os da casa estaban e pé, na corte escoitábase o zoar xordo das muxidoras. Antes de subir para o meu cuarto, pousei as chaves enriba da mesa da cociña. Abrín a billa do vertedoiro e bebín a morro un grolo de auga. Volvín escoitar o estoupido de cartuchos preto da aldea e pensei, sen atopar unha explicación, que desta vez era seguro que a perdiz caera.
- Proposta de banda sonora:
Moi agudo, Ramón. Podería terse escrito 30 anos antes e resultaría igualmente actual.
En realidade este é un texto que tiña por aí perdido nun caixón e que debín escribir hai seis ou sete anos. Do que si estou seguro é de que o escribín antes da creba de Lehman Brothers.