Un artigo de Ramón Vilar

A primeiros de ano chegou á miña mesiña de noite o Kindle Paperwhite. Comecei a fedellar nel con certo escepticismo mais teño que dicir que me mellorou a vida lectora nocturna. A luz que trae incorporada o libro electrónico é unha alegría cando compartes madrugadas coa compañeira e cun bebé de pouco máis de tres meses. A miña rutina como lector está dividida agora entre a literatura nocturna e a diurna, na que volvo como un adicto ao papel.
E así vai o repaso deste 2013: Bellísimas personas, de Andreu Martín (electrónico); Laura no deserto, de Riveiro Coello (papel); 1.280 almas, de Jim Thompson (electrónico); En busca de April, Benjamin Black (papel). Entregado en boa parte á novela negra e policial, polos días tamén fago pausas de traballo para repasar diarios económicos e de información xeral, esoutra literatura panfletaria que, aínda que carente de estilo, manexa con habelenza a traxedia, a comedia e o esperpento.
Eu ó que se publica en prensa máis ben o emparentaría co xénero de intriga e espionaxe, porque cada vez se pode acreditar menos no que se le, e co xeroglífico, no caso da información económico-financeira.