A área de Normalización Lingüística e Cultura da Deputación da Coruña quere aproveitar a festividade do Día das Letras para lanzar unha campaña en prol do libro galego que se desenvolverá ao longo das vindeiras semanas: ‘Libros para sermos libres’. O ente provincial considera que é necesario acompañar ao sector nun momento especialmente duro pola crise do covid-19. “Pensamos que a actual situación se impón en todos os ámbitos sociais e nesta conmemoración non podíamos ficar á marxe da crise que atravesa o sector do libro galego e por iso deseñamos un programa para promover a lectura e tamén animar a mercar libros galegos”, destaca a deputada responsable de Normalización Lingüística, María Muíño, dun programa a través do que tamén se sortearán vales para mercar títulos en galego nas librarías da provincia da Coruña.
A campaña, que se iniciará inmediatamente despois da festividade das Letras, desenvolverase en internet e nomeadamente nas redes sociais. Aos contidos escritos e audiovisuais a prol do libro galego sumarase un concurso aberto a todos os intenautas e o sorteo de vales que se poderán trocar en calquera libraría da provincia por obras en lingua galega.
Tes aquí máis información