Manolo Boquete: “A cultura? Só hai que ser un pouco observadores para comprender que as plantas que non se regan esmorecen”

Manolo Boquete

Manuel Otero Boquete é iso que poderiamos definir, se nos poñemos requintados, como artista multidisciplinar: contacontos, músico, poeta, showman… Pero para os que o coñecemos dende hai tempo, Manolo Boquete é un extraordinario cocktail de talento, sensibilidade e humor. Logo de anos percorrendo as estradas secundarias (as menos coñecidas pero a miúdo máis auténticas e necesarias) da nosa cultura, acaba de petar a outra porta con forza. Dende o pasado mes de maio está á venda o libro-disco A fiestra dos soños, da banda Trotaventos. E Manolo é parte fundamental deste novo proxecto dirixido ao público familiar. En Letra en Obras quixemos saber máis remitíndolle este cuestionairo

Manolo, ti vés do mundo da música, da literatura e do humor pero sempre pensado para un público adulto. En que momento e como xorde A fiestra dos soños e a banda Trotaventos?

Ben, para ser exactos, eu veño doutros mundos máis cotiás e menos líricos, se queres, ca eses tres que acabas de indicar. Foron as miñas inquedanzas, as miñas ansias de non perder o meu “xoguete favorito”, que diría García Márquez, as que me levaron a eles, a maior parte das veces, como soe suceder, a golpe de moito esforzo e pouca recompensa. Pero si que é certo que nunca planeara, nin sequera de maneira remota, achegarme ó mundo das pequenas e pequenos. Pero a vida é azarosa e fixo que fose o mundo deles o que viñese buscarme. A infancia presentouse ante min en forma bebé, colleume da man e púxome diante desa fiestra que eu cerrara había tempo, o resto só foi abrila e fechar os ollos. Aí nace a Fiestra dos soños.

Trotaventos nace despois, unha vez avanzado o proxecto, un día no que me encontro por temas de traballo co grande Ramón Feáns, que xa coñecía, e lle ensino o que estaba facendo nese momento. El proponme poñerlle música ós poemas da Fiestra e a partir de aí confluímos en perfecta sintonía. Despois, coñecemos a Nadia Fonseca, a voz, a Voz. E finalmente, xente que coñece xente, conseguimos que subiran no carro os inabarcables Roberto Grandal e Dani Riveiro. Esta é a historia de Trotaventos, que non por ser sinxela é menos máxica.

Que van atopar as persoas que se acheguen a este libro-disco?

A miña primeira teima desde que comecei o proxecto foi crear algo para nenos e nenas de 0 a 130 anos (confío con esas marxes non deixar a ninguén fóra), é dicir, algo que puidese apaixonar ós máis miúdos pero tamén ós adultos e adultas cos que conviven. Por iso non me gusta falar dun disco-libro infantil senón, máis ben, familiar.

Para iso, a xente que se asome á Fiestra dos soños vaise atopar con tres mundos diferentes:

  • Un mundo visual, alimentado polas ilustracións que percorren o libro, que está composto de deseños pretendidamente sinxelos, realistas e planos, con cores básicas predominates e rechamantes, que representan cada unha delas a idea central do poema ó que acompañan. Todo coa finalidade de que, aquelas crianzas que aínda non teñan acceso á lectura ou que sexan demasiado pequenas para adentrarse no mundo da fantasía, poidan igualmente seguir a viaxe que a Fiestra lles propón dunha maneira lúdica e didáctica.
  • Un mundo literario composto por un feixe de trece poemas que teñen como escenario predominante a natureza, pero que encerran historias independentes nas que sempre se lle ofrece ó lector un xiro máxico, moitas veces inesperado. Iso dende o punto de vista da temática. En canto á forma, amósanselle ós nenos e nenas unha serie de formas métricas que van dende as estruturas máis populares ata a oitava italiana, pasando polo cuarteto, o terceto encadeado, etc. coa finalidade de que se vaian metendo sen darse conta no fascinante mundo da poesía, todo sen fuxir da metáfora e doutras figuras que, dunha maneira divertida, se irán facendo familiares e perfectamente alcanzables para a rapazada.
  • Musicalmente, por último, o que se pretendeu foi presentar unha creación de calidade que camiñara parella á intención inicial do proxecto literario. Así, seguindo unha liña folk que atravesa o disco (falamos agora do disco), cada un dos poemas aséntase nun tema repleto de arranxos e que nos transporta dun xeito divertido, e ó mesmo tempo pedagóxico, a outras músicas do mundo como poden ser o fado, a bossa nova, a cumbia ou a música balcánica, entre outras.

Na presentación, hai dúas semanas, ateigastes o Teatro Principal. Dá a sensación de que, nestes tempos tan convulsos, a literatura e a música infantil son os únicos pés da cultura que resisten e que incluso son quen de chegar a novos públicos…

Non sei se son capaces de chegar a novos públicos ou só a públicos novos. E tampouco teño tan claro o feito de que resistan. Si que é certo que temos claros referentes no mundo da, se cadra mal chamada, música infantil, pero tamén hai que ter en conta que é moito e de moita calidade o que se está producindo no país e que, moitas veces, nin sequera entra nos grandes circuítos.

Nós tivemos a sorte de estrearnos cun enorme éxito, e por iso estamos moi agradecidos, pero tristemente non sempre é o caso. Non sei, e xa non falo agora só da música infantil, cal sería a solución para que non languidecese a cultura pensada e creada en galego, pero só hai que ser un pouco observadores para comprender que as plantas que non se regan esmorecen. Haberá que preguntarse quen ten a regadeira.

Nos últimos anos fuches coñecido especialmente polos teus “manólogos”, unhas sesións excepcionalmente divertidas nas que combinas música e un humor que foxe de calquera profilaxe. Algúns temos pensado como é posible que Boquete non teña un espazo de seu na TVG (aínda que sexa despois de media noite)…

Eu tamén o teño pensado. Ben, non son eu quen ten que xulgar se son ou non apropiado para ese medio. Simplemente, de cando en cando petarei á porta, e inda que ma pechen seguirei abrindo Fiestras. Con todo, o tema dos Manólogos é unha cousa que me apetece retomar, fundamentalmente porque o cara a cara co público, sen artificios, me fixo medrar moito como persoa do espectáculo e porque é un terreo que me apaixona e me propón unha aventura diaria.

-A este respecto acabo de caer na conta que neste arranque do século XXI a canteira do humor é Filoloxía Galega: Federico Pérez, Touriñán, ti… Que explicación atopas a isto?

Pois, a verdade, nin sequera mo propuxera nunca como unha liña de investigación. Si que agradezo que me poñas na mesma órbita que Federico e Touriñán, pero tamén penso que hai moitos humoristas galegos de moita calidade que non son filólogos, así como moitos filólogos que non teñen nin chisca de graza. E non quero nomear ninguén porque tampouco quixera deixar ninguén fóra.

Con todo, non sei que relación pode haber entre filoloxía e humor, pero si que teño oído que xa Aristófanes de Bizancio era ben pavero…

Alén destes proxectos, de seguro que tes moitos outros buligando na cabeza. Hai algún que nos poidas adiantar?

Como dicía o filósofo: a cabeza non para!

Ben é certo que os que nos dedicamos a isto de darlle voltas á cachola sempre temos algún proxecto en que enredar o tempo, cando non máis dun, e todos á vez case sempre. Eu tamén ando nesas pero vasme permitir que sexa prudente por unha vez na vida.

Por último, con que tres nomes da cultura galega (non teñen porque estar vivos) che gustaría coincidir na barra dun after?

Pois tendo en conta que, se cadra, xa non teño corpo para que as barras dos afters agarden por min, os nomes da cultura galega cos que me gustaría compartir cunca e conversa case que vou escoller que estean mortos, por dous motivos fundamentais; cos vivos aínda podería cadrar, e cos mortos, pola simple feito de estar mortos, igual marchaba antes para a casa.

Con todo, o reto que me propós de escoller só tres nomes fáiseme imposible de afrontar. Gustaríame coincidir con tantas e con tantos, e falar de tantas cousas, e tanto tempo, que quizais sexa mellor que non se dea a circunstancia.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*