Cumpre a CRTVG coa encomenda fundacional de apoiar e difundir a cultura propia?

A posible supresión en setembro do Diario Cultural da Radio Galega abre unha fenda aínda máis fonda entre o mundo da cultura e a CRTVG. O anuncio dunha reestruturación que podería afectar de cheo ao programa que dirixe dende hai 28 anos a xornalista Ana Romaní ergueu críticas unánimes en forma de artigos, comunicados e mensaxes nas redes sociais. O sentir do mundo cultural é unánime: este é un novo exemplo da escasísima atención que lles prestan os medios públicos galegos.

Dende Letra en Obras pedímoslle á Radio Galega a permanencia dun programa que é un referente de xornalismo cultural. Pero máis aló deste caso puntual, consideramos que é urxente un amplo debate sobre como os medios públicos galegos poden axudar a darlle máis visibilidade a un sector que é estratéxico, tanto dende o punto de vista social como económico (30 mil empregos directos e máis do 2% do PIB do país).

Nestes momentos cómpre lembrar que unha das funcións primordiais polas que o Parlamento decidiu crear en 1984 a CRTVG era precisamente para que apoiase activamente as manifestacións culturais propias.

Extracto do artigo 1 da Lei de Creación da CRTVG

(…)Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso aos distintos xéneros de programacións e aos eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a todos os segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega (…)

Está a cumprir esta encomenda fundacional a Radio e a Televisión de Galicia? A inmensa maioría da industria cultural cre que a CRTVG non é que axude, se non que ata dá as costas. Os debates (e sobre todo as medidas) son xa inaprazables.

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*