Abrirmos un tempo novo para a literatura galega

Un ano máis, e van 56, celebraremos o Día das Letras. Porén, coma sucede con todos os “días de”, é preciso lembrar que necesitamos ser visibles os outros 364. E aí radica o problema. Despois de tantos anos, e a pesar de non poucos éxitos, a nosa segue a ser unha literatura minorizada e, comparativamente, máis feble que hai dúas décadas. Algúns dos síntomas da doenza son moi evidentes:

1-Falta de lectores. Logo do relativo “boom dos oitenta e noventa”, a literatura galega non foi quen de gañar novos públicos (incluso hai que falar abertamente de retrocesos). Véxanse as tiraxes medias que chegan ás librarías.

2-A evidente dificultade das autoras e autores novos para daren a coñecer as súas propostas.

3-A delicada situación da industria editorial. Incluso os principais selos do país (Xerais e Galaxia) tiveron serios problemas nos últimos anos para taparen as vías de auga.

4- A visibilidade interna. O espazo que ocupa a creación literaria nos medios de comunicación galegos (públicos e privados) é escasa.

5- A visibilidade na contorna. Nun estado que se recoñece plurilingüe como é o caso do español, a sensibilidade e/ou interese cara as chamadas literaturas periféricas é nula. A diferente nivel, algo semellante acontece coa lusofonía e coa histórica incapacidade de establecermos pontes produtivas que trascendan o simbólico.

É evidente que a crise económica e a ruptura dos máis elementais consensos lingüísticos xogaron en contra da literatura galega na última década. Pero tamén é certo que hai outros síntomas anteriores que precisan ser tratados. Este modelo está esgotado. Non facer nada para mudalo é miopía, ou algo moito peor. Urxe un gran debate, unha estratexia de futuro que implique ás creadoras, ás administracións, ao sector editorial, ás librarías, aos medios de comunicación e ao público lector. Logo da correspondente análise, é precisa a acción.

1 Comentario

  1. Pero se malia o seu estado terminal a literatura galega goza dunha saúde excelente! Que debate pretendedes abrir?
    Un deses de “Quita, quita, que como me mova, non saio na foto”? Un deses de “Se iso sabémolo todos, pero mellor non dicimos nada porque querermos seguir publicando en Galaxia ou en Xerais”?
    Ou falades dun debate serio? É iso? Si? Pois veña, iniciemos un debate á marxe da omertá.
    Velaí un decálogo de partida:

    1) O galego non é unha materia escolar.
    2) A literatura galega non é unha materia escolar.
    3) Os lectores, polo xeral, non padecen ningún tipo de deficiencia mental. Os que aínda están na escola, tampouco.
    4) Namorar alguén obrigándoo a manter relacións sexuais pola forza con quen non quere é, ademais de noxento, imposible. Obrigándoo a ler o que non quere, pasa exactamente o mesmo.
    5) A crítica literaria é unha cousa. O labor de comercial, outra. E a militancia política, outra.
    6) Unha bosta é unha bosta, por máis que fale de temas entenrecedores. Ou precisamente.
    7) Unha bosta é unha bosta, por máis que o apelido que a perpetre sexa famoso.
    8) Unha mentira, repetida vinte veces, non se converte en verdá. Tampouco nun bo libro.
    9) Secuestrar libros está feo.
    10) Elaborar listas negras, tamén.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*