Carta de despedida de Manuel Bragado como director de Xerais: “Sei que este é un momento de esperanza nun tempo de incerteza”

Logo de 24 anos á fronte de Edicións Xerais, esta semana transcendía que Manuel Bragado deixaba o posto de director. Logo dunha avalancha de mensaxes de recoñecemento a nas redes sociais, este venres o propio Bragado escribe un texto no seu blog para agradecer os apoios, explicar que regresa á docencia e manifestar que seguirá colaborando con Xerais:

“Foron moi difíciles os últimos días. A petición propia, onte deixei de ser director de Xerais. Foi unha decisión meditada coa que pretendo volver á escola a comezos do vindeiro curso e continuar colaborando con Xerais e coas outras empresas do Grupo Anaya na súa estratexia de edición en Galicia. Hoxe non podo expresar máis que a miña máis fonda gratitude a todas persoas coas que colaborei neste vinte e oito anos intensos e inesquecibles nos que tiven a fortuna  de formar parte do cadro de profesionais de Xerais, ao tempo que ofrezo as miñas desculpas polos erros, probablemente moitos, que puidera ter cometido. Sei que este é un momento de esperanza nun tempo de incerteza. Xaora, sei que está asegurada a continuidade anovada do proxecto editorial de Xerais como piar e líder da edición en lingua galega. Con todos os abrazos para todas as persoas coas comparto azos e esperanzas. Beizón!”

Nos vindeiros días coñecerase o nome da persoa que sucederá a Bragado á fronte de Xerais. Antes del estiveron como directores Xulián Maure, Luís Mariño Pampín e Víctor Freixanes. No outono de 2019 a editora cumpre corenta anos de andaina.

1 Comentario

  1. Case me fai chorar. Se non fose por que omite que o mesmo día despediron a tres traballadores de Xerais (axuste de contas), algun con máis de 30 anos de antiguedade na empresa, e como non comentar tamén a revogación da enlace sindical da CIG para colocar a un amigo por CC.OO. A empresa leva 6 anos dando perdas. Algo inevitable se convertes a empresa na deputacion de Ourense, rodeandose de “trepas” e cunha xestión nefasta e chea de corruptelas. Semella que agora Xerais, se achega a súa desaparición. Que enganados ten e tiña a moitos.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*