‘Cara de velocidade’, de Marga Tojo, o feliz latexo da vida cotián

Aínda que Marga Tojo é unha xornalista ben coñecida e valorada no país dende hai anos, a súa primeira incursión no mundiño literario non chegou ata 2016 co libro de poemas Últimos bruídos. Despois daquela estrea, saudada pola crítica con aplausos, estes días chega ás librarías un novo título: Cara de velocidade (Kalandraka), o traballo coa que a escritora santiaguesa, agora radicada en Madrid, conseguiu un dos premios de poesía para nenas e nenos máis valorados do estado: o Cidade de Orihuela.

O libro, escrito orixinalmente en galego e traducido ao castelán para poder concursar no certame, é, sen dúbida, un magnífico agasallo para lermos en familia. Detrás das situacións máis cotiáns latexa a fantasía, a liberdade, o medo, os sentimentos todos …

“As mellores mensaxes secretas / escríbense con letra / de sopa. / Non deixan pegada. / O verbo faise puré na miña boca. / Cústame dixerir / as frases tristes”

Mais, sobre todo, están as ganas de vivir, de atrapar cada momento que é único.

“A vida son estrelas / (aí vai unha), / que semellan bolboretas / (aí vai outra). / Para aprender a atrapalas / (que me escapan), / hai que abrir ben os ollos. / (Guaaaaaau!)”

Cunha mestría máis que notable, Marga Tojo vainos levando por uns mundos domésticos que conforman a crianza dos nenos e nenas do século XXI. E con eles, entre manteis e chícharos, entre dragóns e edificios, a poesía revélase con maiúsculas. A maiores, tamén hai que salientar o impecable traballo de ilustración de María Hergueta.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*