Por terceiro ano consecutivo, a Real Academia Galega tende unha ponte coa rapazada de todo o país botando a andar Primavera das Letras. O proxecto, dirixido aos máis de 137 mil rapaces e rapazas que cursan o ciclo de primaria, busca achegar contidos didácticos e lúdicos sobre os autores aos que cada ano se lle dedica o Día das Letras. As actividades teñen un enfoque transversal que conflúe cos contidos curriculares que os docentes traballan nas aulas.
Pola súa fonda relación con María Victoria Moreno, Pontevedra foi a cidade elixida para botar a andar o Primavera das Letras deste ano 2018. O presidente da RAG, Víctor F. Freixames, e as académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre formaron parte da comitiva que se achegou ata o colexio Marcos da Portela (Monteporreiro). No acto no que tamén estiveron presentes familiares de María Victoria, os protagonistas indiscutibles foron os alumnos e alumnas do centro, que recitaron e dramatizaron diferentes anacos da obra da escritora.
A directora do colexio público pontevedrés, Alicia Martínez, mostrou o seu agradecemento polo feito de que se conte coas escolas na celebración do 17 de maio. Tamén lembrou o compromiso de María Victoria “na defensa a ultranza, en tempos realmente difíciles, da lingua galega. Agardamos que esta festa da palabra que hoxe celebramos xuntos nos invite a seguir con entusiasmo as súas pegadas no eido da lingua”.
Durante a súa intervención, Fina Casalderrey, explicou os obxectivos do Primavera das Letras e reivindicou o traballo do profesorado galego: “dende a RAG sabemos que onde máis se terma da fala é dende os primeiros anos, cos pequenos e pequenas, e tamén sabemos canto traballo hai dos mestres e mestras”.
Podedes ver nesta ligazón os primeiros materiais da Primavera das Letras 2018 (dende a RAG anunciaron a publicación de novos contidos no web ao longo das vindeiras semanas)
Concurso 2017
[…] este acto, péchanse as actividades do Primavera das Letras 2018, que comezou o pasado mes de febreiro cunha presentación no colexio Marcos da Portela, en Monteporreiro (Pontevedra). Ao longo destes […]