‘Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo’, a literatura como guía

Por historia e por patrimonio, Mondoñedo é unha das localidades máis emblemáticas do país. A toda esa riqueza hai que sumarlle a súa importancia literaria. Neste concello que, coma tantos outros, sufriu nas últimas décadas unha incesante hemorraxia no censo, naceron figuras claves das nosas Letras: Noriega Varela, Leiras Pulpeiros, Marina Mayoral… ou Álvaro Cunqueiro.

Se Mondoñedo é parada obrigada para calquera viaxeiro, precisaba unha guía como a que asina Armando Requeixo e que leva por título Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo (Edicións Fervenza). Ao longo de 185 páxinas, o profesor e crítico literario vainos guiando, con amenidade e rigor, por alamedas, campos da feira, institutos, rúas, casas, boticas, barberías, cemiterios, fervenzas, castros…Durante o percorrido viaxamos acompañados de fotografías, ilustracións, documentos e textos literarios que nos axudan a ver con outros ollos o que temos d¡ante.

O libro comeza cunha cita do propio Cunqueiro: “Aprenda o viaxeiro a deixarse, en Mondoñedo, aloumiñar polo silencio, por unha antiga música que anda no aire, na auga das fontes, no eco das campás. É como un veludo morno. Eu non me cansaría de recomendar, se fixese unha Guía de Mondoñedo para poetas, que o visitante se mesturase co silencio enorme da cidade e do val e da pausa do noso cotián vivir, se quixese recibir de Mondoñedo o galano das súas máis íntimas esencias”.

Máis aló da obrigada lectura para poetas, o de Requeixo pasa a ser un manual imprescindible para o viaxeiro que se achega a Mondoñedo e para todos os devotos do universo cunqueirán.

Para saber algo máis desta obra:

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*