‘O concerto dos mil anos’, un cuarto de século despois

Este ano vanse cumprir 25 anos do festival de rock máis grande celebrado nunca no noso país. O seu nome foi toda unha declaración de intencións “Concerto dos mil anos”. E non era para menos, o 8, 9 e 10 de xullo de 1993, desfilaron polo estadio de Riazor unha chea de lendas do pop e do rock mundial: Sting, George Benson, Chris Isaak, Neil Young, The Kinks, John Mayall, Bob Dylan, Robert Plant, Eric Burdon, Bo Diddley, Wilson Pickett, Jerry Lee Lewis e Chuck Berry. Ata á Coruña achegáronse esa fin de semana milleiros de persoas. Segundo os xornais da época, a suma dos tres concertos daba unha cifra: 80 mil espectadores.

Nunha época de “vacas gordas” a Xunta de Fraga decidía celebrar por todo o alto o Ano Xacobeo. Nada volvería ser igual despois daquel 1993, un ano que marcou un antes e despois e que axudou a multiplicar espectacularmente as cifras de peregrinos. O “Concerto dos mil anos” pode ser, dalgún xeito un precedente, ou un primeiro síntoma, de todo o que viría despois. Faltaban apenas catro anos para que o Goberno anunciase a obra faraónica por excelencia: a Cidade da Cultura.

Nunca máis se celebrou no noso país un concerto cun cartel semellante. En 1993 Galiza pisaba o acelerador e seguía nunha ruta iniciada algunhas décadas antes: éxodo das xeracións máis nova cara as cidades e un brutal avellentamento da poboación.

  • Texto do xornalista Javier Becerra (La Voz de Galicia) recordando os tres días daquel festival.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*