Neira de Mosquera, a recuperación dunha figura clave do romanticismo galego

Neira de Mosquera

Persiste ás veces a idea de que no século XIX o noso era un país pechado en si mesmo, sen contacto directo co resto do mundo e coas correntes de pensamento máis avanzadas. Nada máis afastado da realidade. Podemos comprobar outra Galiza ben diferente a esa nun libro sobre a figura de Antonio Neira de Mosquera que acaba de lanzar Alvarellos Editora hai poucas semanas co apoio do Consorcio de Santiago. Galicia ante todo é unha obra luminosa que nos achega a un intelectual imprescindible (e aínda así pouco coñecido). O libro, que recupera vinte escritos xornalísticos e literarios de Neira de Mosquera, axuda tamén a interpretar o contexto que posibilita o Rexurdimento e tamén a semente do que sería o movemento nacional galego.

Xurxo Martínez González, filólogo de formación e profesión, demostra a súa sobresaínte solvencia como historiador cun estudo introdutorio de máis de medio cento de páxinas que contextualizan a Neira de Mosquera no seu tempo. E tamén como a xeración á que pertence pelexou para “conceder a esta terra un relato propio, un coñecemento da súa conformación, do seu pasado, da súa historia; dotar de dignidade a un territorio, a un pobo e a unha cultura desprezados durante varios séculos”. Xurxo Martínez tamén é o encargado da escolma de textos de Neira de Mosquera que contén o libro, a maioría deles apenas coñecidos e recuperados despois dun laborioso traballo de hemerotecas.

Presentación do libro en Santiago

O historiador Xosé Ramón Barreiro asina un tamén moi interesante prólogo no que teoriza sobre as causas polas que a xeración do autor estudado, moi ligada á fidalguía galega, abraza a causa provincialista: “Esta xeración comprende que é imposible o retorno a un pasado conformado económica e socialmente polo Antigo Réxime. Pero ao mesmo tempo temen, con fundamento, que a vitoria do liberalismo propicie o desembarco en Galicia dunha burocracia que ocupará os postos mellor dotados e que impoña usos e costumes moi afastados dos vixentes en Galicia. (…) Coincidirán dous intereses ben diferenciados e aparentemente antagónicos, pero que atopan o equilibrio nesta xeración por igual defensora da liberdade e dun proxecto autonómico (…)”.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*