Raúl Soutelo e José Manuel Vázquez Lijó gañan o Manuel Murguía de Ensaio con ‘O Son que coñeceu Ramón Caamaño’

Parte do xurado do premio

A obra gañadora é unha “contribución social á historia da fotografía galega e da modernidade” ao combinar “fontes orais e arquivísticas, facendo unha descrición con mestría e amenidade, que parte do local para dirixirse a un público xeral. Desta maneira mesmo coas raíces do traballo no concello de Porto do Son, o ensaio acada unha dimensión moito máis abranxente e vincúlase ao conxunto do país”. Así, deste xeito, xustifica o xurado do Premio Manuel Murguía de Ensaio o seu fallo. Un tribunal que estivo presidido pola vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e composto pola pola doutora en Filosofía África López, a psicóloga e orientadora educativa Ana Torres, o historiador Uxío Breogán Diéguez, a filóloga Helena Miguelez e o gañador da última edición do certame, o catedrático de Filosofía, Marcelino Agís.

Porto do Son, 1933 (Foto: Ramón Caamaño)

A obra gañadora, O Son que coñeceu Ramón Caamaño, “combina dun xeito acertado o ensaio e a reportaxe fotográfica, tocando distintos planos e sectores, como a demografía, o mundo do traballo, os conflitos sociais ou mesmo a rede viaria”. Así mesmo, “O son que coñeceu Ramón Caamaño” reflicte “a entrada do século XX de Galiza”. Cómpre lembrar que Ramón Camaño (Muxía, 1908-2007), aínda vivindo a maior parte da súa vida na Costa da Morte natal, estivo moi vinculado tamén ao Porto do Son xa que casou cunha veciña deste municipio

O xurado tamén quixo facer constar os méritos da obra finalista Revisión da Historia da Coruña. A fábrica de tabacos e a fábrica de mistos”, de Ana Naseiro Ramudo. Nesta edición, unha das que contou cunha máis alta participación, presentáronse dezaseis orixinais. Os autores da obra gañadora recibirán 6500 euros en metálico. O libro estará á venda nas librarías nos vindeiros meses.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*