Estíbaliz Espinosa, Premio de Poesía Afundación 2017

A escritora Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974) é a gañadora do XV Premio de Poesía Afundación. O xurado, composto por Luís González Tosa, Xabier Castro Martinez, Berta Dávila, María Neves Soutelo e Mario Regueira, escolleu a súa obra As neuronas irmás entre os 29 orixinais que se presentaran a concurso. O galardón leva aparellados seis mil euros e maila publicación do libro na colección Arte de Trobar do Centro PEN de Galicia.

O premio poético ligado á fundación de Abanca é un premio de referencia para os poetas en lingua galega.  Na súa nómina de premiados están Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Ar-cadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello ou Olalla Cociña.

Coa próxima publicación d’ As neuronas irmás, Espinosa, unha das autoras máis destacadas da súa xeración, regresará á poesía para adultos despois de máis de oito anos de silencio. Aínda así, neste tempo publicou un fermoso libro para crianzas: Caer de cu polo universo (Apiario, 2015) e participou en numerosas obras colectivas.

Deixámosvos un vídeo da poeta na segunda edición do Naukas Coruña, que se celebrou o pasado mes de febreiro. Estíbaliz Esponosa repasou relacións literario-científicas.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*