Relendo a ‘Galicia Borrosa’

Santiago Lamas

En 2004 Edicións do Castro publicou Galicia Borrosa, de Santiago Lamas. Pouco a pouco, sen moitas estridencias, a obra foi conquistando lectores e revelándose como un sobresaínte ensaio sobre o país e o seu imaxinario como tal. Tres anos despois, o escritor Manolo Rivas, nun seu artigo xornalístico, mostrábase entusiasmado por Galicia Borrosa, que cualificaba como “o título dun dos máis esplendentes ensaios endexamais escritos sobre este país”.

A pesar de que ninguén discute que o ensaio de Lamas é un dos ensaios máis destacados das últimas dúas décadas, este é un libro que de seguro necesita chegar a un público lector máis amplo. Ata o de agora só houbo unha edición desta obra. A gravísima crise na que estivo inmersa a empresa Sargadelos na última década e a desaparición da súa póla editorial (Edicións do Castro) afectou sen dúbida ao percorrido dunha obra fundamental para axudar a comprender un pouco máis quen somos.

En Letra en Obras escollemos dous pequenos fragmentos do libro como petisco para unha lectura máis profunda:

“A paisaxe galega dos nosos escritores clásicos e do imaxinario popular foi sempre a rural, co engadido compostelán, pero adoita esquecer as demais cidades, as vilas portuarias ous os fenómenos recentes dos ensanches, dos barrios periféricos, o papel dos edificios institucionais, etc., asunto agora remediado de maneira máis técnica cos nosos xeógrafos de hoxe (Souto, Alberti, Precedo, etc.). Pero no imaxinario popular o rural segue sendo o factor determinante e garda estreita relación coa masividade durante séculos da poboación campesiña en relación á urbana ou mariñeira. Aínda en 1970 o 67% dos galegos traballaba no sector primario (incluíndo a pesca), cifras que se reducen xa en 1980 ó 21%. Estes cambios na realidade social non transformaron aínda o imaxinario paisaxístico ou identitario (…)”

“Luar é outra cousa. Na súa rebumbia de artistas de fóra e de personaxes populares e folklóricos locais é dalgún xeito un caldo galego audiovisual onde conviven músicos tradicionais galegos, portugueses e españois a carón de regueifeiros e orquestras populares, e onde o Fary pode, o mesmo que os Panchos, cantar en galego. Os analistas din que o segredo de Luar está en que foi quen de evocar unha romaría audiovisual, unha verbena popular do século XXI, e que o seu público está composto de mulleres maiores de 65 anos, que viven en vilas de menos de dez mil habitantes e son clase media baixa ou baixa e a súa mensaxe leva en si un galeguismo sentimental que non ten unha traducción política-ideolóxica nin directa nin única (…)”

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*