‘Poemar o mar’, de García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil 2017

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte anunciou este martes que o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 é para un libro escrito en lingua galega: Poemar o mar, de Antonio García Teijeiro. O libro de poemas, publicado por Xerais o ano pasado, está ilustrado por Xan López Domínguez. O premio, que escolle entre toda a produción publicada nas distintas linguas oficiais do estado, está dotado con 20 mil euros en metálico.

Cómpre resaltar que dende que se creou o galardón (1978) este é o sexto libro en lingua galega que resulta premiado. Anteriormente recibiron esta distinción as seguintes obras: Das cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín; Cando petan na porta pola noite (1995), de Xabier P. Docampo; Os misterios dos fillos de Lúa (1996), de Fina Casalderrey; O único que queda é o amor (2008), de Agustín Fernández Paz; e Escarlatina, a cociñeira defunta (2015), de Ledicia Costas.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*