Marga Tojo, Premio Internacional de Poesía para Nenos ‘Ciudad de Orihuela’

A xornalista e escritora santiaguesa Marga Tojo vén de gañar un dos premios de poesía infantil máis reputados a nivel estatal: o ‘Ciudad de Orihuela’. A autora conseguiu que o xurado elixise a súa proposta, Cara de Velocidad, entre as 113 obras que pelexaban polo premio. Este galardón, dotado con cinco mil euros e a publicación do libro gañador (estará nas librarías o vindeiro mes de marzo), é posible grazas á colaboración entre o consistorio da vila valenciana e a editorial Kalandraka.

O tribunal do certame estivo composto por Begoña Cuartero, Juan Carlos Martín, Beatriz Giménez de Ory, Pedro Mañas, Ana María Lucas e polo director de Kalandraka, Xosé Ballesteros. Este último sinalou que Cara de Velocidad é un libro de poemas arriscado e vangardista, que se move nun universo urbano cheo de fantasía e lirismo.

Filóloga de formación, Marga Tojo leva toda a vida laboral vinculada ao mundo xornalístico. Traballou como redactora no desaparecido diario Galicia Hoxe e despois seguiu vinculada a diferentes proxectos comunicativos como Dioivo, El Diario, Praza ou Luzes. A finais do ano pasado Edicións Positivas publicoulle Últimos bruídos, unha primeira obra poética moi ben recibida pola crítica.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*