‘Erosións’, de Rafa Vilar: un cento de poemas para un regreso agardado

Rafa Vilar

Un dos autores destacados da chamada Xeración dos 90 regresa despois de case dez anos de silencio no que respecta á poesía para adultos (o último foi Migracións, Espiral Maior. 2008) . E faino como gañador do Premio Vitoriano Taibo 2017. O Instituto de Estudos Miñoranos, entidade convocante e editora do galardón, agarda que a obra Erosións chegue ás librarías galegas ao longo da segunda quincena de novembro. Para saber algo máis pedímoslle Rafa Vilar que nos contestase este microcuestionario:

– Que van atopar os lectores ao se mergullaren en Erosións?

– Pois van atopar un libro de poemas de amor… e vida. Son un cento de poemas breves, con unidade orgánica, que afondan na experiencia amorosa, desde unha ollada ás veces vital, ás veces existencial. Como en boa parte dos meus libros de poesía, a linguaxe tende á sinxeleza e á depuración, buscando dicir e suxerir ao mesmo tempo.

Por que este silencio poético de case dez anos? (o último libro foi Migracións, 2008)

– Por dicilo en palabras de Otero Pedrayo, ese silencio poético debeuse aos camiños da vida. Por unha parte, tiven máis dedicación a outras facetas do meu día a día. E pola outra, tamén é certo que precisaba tomar certa distancia, despois de varios anos en que escribín (e publiquei) bastante. De todas as maneiras, desde 2008 tamén publiquei tres libros de poesía para rapaces e rapazas (Acuarelas; Patente de corso; Animalario estrafalario). E polo medio, houbo recitais de poesía, etc. En fin, que o silencio poético non foi tal, non si?

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*