SELIC 2017: Santiago ensaia o seu propio modelo de feira do libro

Durante os vindeiros nove días, a vida da capital de Galicia vai xirar arredor dos libros. Este é o obxectivo que ten o Concello de Santiago impulsando a SELIC (Semana do Libro de Compostela). A cita, que comezará este venres e que se prolongará ata o domingo 11 de xuño, quere poñer de releve a importancia que ten un sector como o do libro na cidade (editoras, libreiros, autoras, imprentas…). Segundo avanzou o rexedor Martiño Noriega, na primeira edición da SELIC participarán máis de trinta empresas, asociacións e institucións. O centro neurálxico do evento vai ser a Praza da Quintana e, ademais de libros, haberá múltiples actividades de dinamización: sinaturas, presentacións, mesas redondas ou conversas con autores como Diego Ameixeiras, Antonio Fraga, Marga Tojo, María Canosa, Inma López Silva, María Solar ou María Reimóndez.

Dende a organización tamén contemplan un espazo de ocio infantil. Así haberá un espazo, chamado “Terra de Libros”, para que os máis pequenos recreen contos, e está prevista unha actividade para que os cativos realicen un relato ilustrado sobre o Camiño de Santiago seguindo as pautas do xogo da oca. Ademais, haberá unha ruada de percusión con Trópico de Grelos e, ao abeiro da SELIC, está prevista a representación no Teatro Principal, o sábado, de A nena e o grilo nun barquiño, con Magín Blanco.

Entre as actividades paralelas haberá roteiros literarios e visitas guiadas a institucións como o Museo do Pobo. A idea é darlle un escaparate ao sector do libro e que, ao mesmo tempo, a cidade e os visitantes tomen conciencia da importancia cultural, social e tamén económica dun sector que xera moitos máis postos de traballo dos que se tende a pensar.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*