As bibliotecas de Oleiros gañan o Premio Liber 2017 á mellor iniciativa de fomento da lectura

A vizosa actividade da rede municipal de bibliotecas de Oleiros recibe o recoñecemento da Federación de Gremios de Editores que agrupa o 90% do sector editorial estatal.

Pola súa “intensa dedicación chea de actividades nunha área de poboación dispersa” e por poñer a disposición da veciñanza máis de catrocentos postos de lectura e uns fondos bibliográficos “moi por riba” da media estatal. Velaí algúns dos argumentos subliñados pola xunta directiva da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) para recoñecer co galardón Liber 2017 o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros, ao que lle asignan nesta ocasión o Premio ao Fomento da Lectura en bibliotecas.

A rede oleirense de bibliotecas suma a Biblioteca Central Rialeda, en Perillo e seis bibliotecas auxiliares en Santa Cruz, Oleiros, Mera, Dorneda, Nós e Lorbé. A mencionada media de libros por habitante nos centros é de 4,3 por veciño. O xurado destacou tamén a intensa planificación de actividades, sinalando por exemplo que a “Hora do conto” cumpre en 2017 vinte anos organizándose de xeito continuo, e tamén o uso das novas tecnoloxías ou por exemplo a existencia dun programa propio na radio local.

A entrega oficial do premio farase o vindeiro 5 de outubro en Madrid durante a Feira Internacional do Libro – LIBER, a máis grande da industria do libro a nivel estatal.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*