Lousada, unha vila onde os libros teñen preferencia

As boas políticas culturais teñen máis que ver co crecemento sostible que coa urxencia das axendas diarias. Hoxe en Letra en Obras decidimos reparar no que está a acontecer en Lousada, un municipio do Distrito de Porto que con pouco máis de 47 mil habitantes, se está a converter, por méritos propios, nun referente de fomento da lectura no Norte de Portugal.

Nun principio, a semente deste proxecto municipal saíu do maxín de dous recoñecidos autores de literatura para crianzas: António Mota e Álvaro Magalhães. Os escritores, que eran asiduos visitantes do concello, recibiron o convite das autoridades locais para escribir unha historia que gardase relación con Lousada.

Daquela aventura publicáronse tres mil exemplares que chegaron de balde a escolares de Primaria de Lousada, que tamén, coa implicación da Rede de Bibliotecas de Lousada, traballaron sobre o texto. Dende iso, o goberno local traballou nun Plano Municipal de Lectura e en múltiples iniciativas de animación: concursos, xornadas pedagóxicas, novas edicións de libros.

O responsábel local de Cultura, Manuel Nunes, subliñáballe a diferentes medios lusos que, aínda que o investimento pode parecer modesto (ata agora algo máis de 50 mil euros) é un esforzo para unha institución pequena como a de Lousada. Mais pola contra, asegura satisfeito que o rendemento social é enorme e que a intención é incrementar o esforzo nos vindeiros anos.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*