A literatura galega, arma de marketing

Nos últimos anos foron moitas as voces que alertaron, e alertan, de que a literatura galega non é quen de conquistar novos públicos. Non faltaron debates e polémicas a respecto do desleixo das administracións públicas, o conservadorismo do mundo editorial ou a suposta falta dun relevo xeracional solvente na parte creativa. Estando ou non de acordo con todas estas afirmacións, o que é innegable é que as nosas letras non viviron recentemente tempos proclives. Seguramente a mostra máis clara foi a caída na tiraxe e nas vendas.

Mais a pesar de todos os atrancos, a literatura galega segue a ter unha imaxe de marca de calidade entre unha parte importante da poboación, e iso é algo que non pasa desapercibido para algunhas empresas. Unha proba agora mesmo é a loita por posicionarse no mercado que están a facer Deleite e Feiraco. As dúas marcas leiteiras galegas recorren, en maior ou menor medida, a un marketing que aposta pola identificación dos seus produtos co mundo das letras.

Deleite, compañía que destaca polo seu compromiso coa lingua galega, sortea regularmente libros (para adultos e rapazada) nos seus perfís de redes sociais. Un exemplo é que nas últimas semanas se entregaron exemplares de Non é París, de María Canosa; O Bichero, de Davila; O espello no mundo, de Ramón Nicolás; ou Once portas, de Héctor Cajaraville.

Máis relacionado coa efeméride concreta do Día das Letras, Feiraco anunciou a primeiros de mes unha edición especial pola que levará a imaxe de Casares a un millón de briks. A cooperativa de Negreira tamén ten aberto o prazo para concursar nun certame de microrrelatos.

Repsol, Eroski e Gadis

Outra empresa que decidiu ligar hai algúns anos a súa imaxe á literatura galega é a petroleira Repsol, que dende 2006 impulsa un premio de narrativa que leva o seu nome. Con 12 mil euros de galardón, O Repsol de Narrativa é xa un dos grandes concursos das nosas letras.

Tamén coincidindo coas Letras, son coñecidas as campañas que regularmente fan Gadis e Eroski. En 2016, Gadis editou 20 mil libros en galego, regalou marcapáxinas e distribuiu dous millóns de bolsas con motivos relacionados co 17 de maio. Pola súa parte, Vegalsa-Eroski colocou 500 carteis nos seus supermercados e fixo unha tiraxe especial de 2,5 millóns de bolsas.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*