17 de maio, máis de mil motivos para a esperanza

17 de maio, máis de mil motivos para a esperanzaCarlos Casares foi o escritor galego da súa xeración que gozou de máis recoñecemento público en vida. Os seus libros, tanto os dirixidos a adultso como os que tiñan como destinatarios ás crianzas, tiveron unha ampla difusión. Ademais dunha innegable calidade literaria, a súa constante participación na vida pública (Parlamento, Galaxia, Consello da Cultura…) e as colaboracións xornalísticas no diario de maior tiraxe do país, fixeron de Casares un autor moi popular, recoñecible para unha gran parte da poboación. Este 17 de maio, quince anos despois do seu pasamento, é o protagonista central do Día das Letras. Este é un bo momento para repensar a situación social na que está a nosa lingua e, por suma, a literatura e cultura propias.

Hai motivos para o pesimismo (os principais sonl a profunda ferida que trouxo a utilización partidista do idioma e a perda de falantes entre as xeracións máis novas). Vai para unha década, colectivos socialmente irrelevantes iniciaron unha campaña contraria á normalización lingüística. O que en principio debera ser pouco máis que unha posición anecdótica, acabou acaparando a axenda política e servindo como munición pesada da oposición (PPdeG) contra o daquela goberno bipartito (PSdeG-BNG). Moi lonxe quedaba o Parlamento de 1983 (no que estaba sentado Carlos Casares) e onde todas as forzas aprobaran por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística. Mesmo aqueloutro que, incluso con Manuel Fraga de presidente da Xunta, sacara adiante en 2004, tamén sen ningún voto en contra, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

A todo aquel terremoto político, sumóuselle a modo de tormenta perfecta, unha colosal crise económica, que comezou a ser especialmente palpable no país polas mesmas datas. Se os primeiros en caer foron os medios de comunicación en galego, axiña desaparecerían ou entrarían en modo hibernación moitas empresas culturais. O resultado foi unha notable contracción da publicación literaria, musical, audiovisual….

Ata aquí un relato do que é sabido, mais a historia non é unha foto fixa, é unha sucesión de imaxes, unha película en constante movemento. Por suposto que hai motivos para a esperanza e ferramentas que poden contribuír a relanzar a nosa lingua e a nosa cultura. E dicímolo na cerna do Día das Letras, cando o país enteiro se entrega a un día festivo. Se ata o de agora as grandes protagonistas foron as escolas (e seguen a ser un alicerce indispensable), é necesario un 17-M que chegue a todos os tramos de idade: que os libros saían as rúas das cidades e das vilas, que vaia callando a tradición de regalar literatura (ou música) na nosa lingua por estas datas. A nosa cultura é vizosa, pero necesita dunha industria paralela verdadeiramente forte, que a faga máis visible e que a transforme tamén en riqueza económica.

Hai que repensar iniciativas que impliquen á sociedade, actos que vaian máis aló do previsible, que emocionen e que fagan ver a forza que pode ter a cultura. Un bo exemplo aconteceu hai escasos días nos estaleiros de Navantia. Máis dun milleiro de nenos e nenas das comarcas de Ferrolterra e A Coruña cantaron con Guadi Galego o tema “Che@s de vida” (en apenas 24 horas, o videoclip acadou preto das 10 mil reproducións en youtube). E aí están moito máis de mil motivos para a esperanza nunha cultura que nunca deixou de ser grande, porque sempre creu que era posible ir máis alá!

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*