Vinte anos de ‘Érguete’, disco emblemático do rock independentista

Unha das primeiras formacións de Xenreira

Este ano cúmprense dúas décadas do lanzamento do disco Érguete (Edicións do Cumio, 1997), único traballo de estudio da banda Xenreira. Aquel longa duración composto por doce temas, marcaría un fito na música galega dos noventa. Ao ronsel do esplendor do rock bravú, a banda estradense marcaba o seu propio camiño co que eles mesmos etiquetaron como “rock irmandiño”, un estilo fondamente comprometido coa esquerda independentista, que naquela década dos noventa vivía un certo auxe entre as xeracións máis novas. Para o seu único disco de estudio, os Xenreira contaron coa colaboración, entre outros, de Mini e Ugia Pedreira. O encargado de producilo foi Kaki Arkarazo, ex compoñente da coñecida banda vasca Negu Gorriak.

Mais as orixes de Xenreira hai que buscalas tres anos da publicación de Érguete. Todo comezou na vila da Estrada. Davide Senén (á voz), Silverio Otero (batería); Manuel Balboa (baixo); Marcos Payno (saxo alto e voz); Maki (guitarra); Sevi (baixo barítono); e Pino Riccardi (á guitarra), conformaban a formación orixinal. O primeiro concerto ao vivo chegaría aos poucos meses en Compostela. Os ambientes universitarios da capital do país fervían por mor do desaloxo dos barracóns estudiantis do Burgo das Nacións, e a banda Xenreira, aínda moi pouco rodada musicalmente, atreveuse diante dun auditorio ateigado. Un accidente de tráfico, no que faleceu Pino Riccardi, marcou traxicamente a banda. Aínda así, Jasper entra a formar parte de Xenreira e o camiño segue adiante cun segundo concerto na Sala Nasa, no que compartiron escenario coa Banda Bassotti.

Logo daquel disco e dunha longa xira, Xenreira comezou esmorecer co progresivo abandono de gran parte dos seus integrantes. Finalmente, a banda, xa moi pouco activa dende algúns anos antes, disolveuse en 2002.

  • Vídeo de concerto de Xenreira na Sala Nasa (decembro de 1995)
  • Vídeo de concerto de Xenreira na Sala Nasa (última etapa da formación)

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*