Pecha o ‘Taboleiro dos libros’, o mellor termómetro das vendas da literatura galega

O profesor, escritor e crítico literario Ramón Nicolás anunciou esta semana a última entrega do “Taboleiro do libro galego”, unha das seccións fixas da súa recoñecida bitácora Caderno da crítica. Durante catro anos, a listaxe foi o mellor termómetro das vendas do libro galego, xa que estaba confeccionada cos datos que lle facilitaban ao autor dez librarías de diferentes cidades e vilas do país.

Segundo lle explicou o propio Nicolás a Letra en Obras, a sección chega á súa fin despois de corenta entregas porque “creo que cumpriu un ciclo, co obxectivo de visibilizar o libro en galego. Ese foi o criterio que me animou a idealo e poñelo en práctica, grazas ás librarías colaboradoras, claro é, e ás lectoras e lectores que aínda mercan libros en lingua galega en librarías. Non hai ningunha outra razón que a de considerar que non podo estar turrando deste proxecto con outros proxectos persoais.”

Co peche deste espazo, a única listaxe na que se poderán seguir os libros máis demandados polos lectores é a que publica “El Sábado”, un suplemento do diario Faro de Vigo. Neste caso, a enquisa confecciónase só con datos achegados por librarías das comarcas de Vigo e do Morrazo.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*