Nova edición de ‘Ritual para unha tribo capital de concello’

Nova edición de ‘Ritual para unha tribo capital de concello’ A Casa Museo presenta o poemario de Manuel María con limiar e ilustracións de Xosé Estévez e Felipe Senén. O camiño máis certo
Os camiños da tribo abertos
polos pés dos homes,
dos animais
e as rodas dos carros,
coñécennos e ámannos.
Por eles andamos confiados.
Sabemos que non
nos enganarán endexamais
e que rematarán levándonos
á paz do cemiterio parroquial.

Ritual por unha tribo capital de concello (1986)

A nova edición, a terceira, do Ritual para unha tribo capital de concello de Manuel María que acaba de tirar do prelo a Casa-Museo Manuel María será presentada este sábado, día 8, ás 20 hrs, na casa natal do poeta, en Outeiro de Rei.

Este poemario local, da propia tribo de Manuel María, en que o plano descritivo comparte espazo coas vivencias, lembranzas, nostalxias, frustracións, sentimentos, dores…do propio poeta, será presentado pola profesora de literatura de Educación Secundaria, Eva Teijeiro, o divulgador cultural e investigador da historia de Outeiro de Rei , Orlando Viveiro, o arqueólogo e museólogo, Felipe Senén, autor das ilustracións do libro (achégase con este correo unha das novas ilustracións que se incorpora na nova edición), e o profesor de Historia da Universidade de Deusto, Xosé Estévez, autor do limiar do poemario.

Os setenta e sete cantos que conforman o libro, editado por primeira vez en Ourense, en1986, por Ediciós Follas Secas, son, aínda que teñen valores sociolóxicos, etnográficos ou xeográfico, segundo o bibliógrafo e estudoso do poeta, Camilo Gómez Torres, “primaria e esencialmente vivencias íntimas, transposicións líricas das formas e  singularidades do Outeiro de Rei que vive e habita na intimidade de Manuel María”.

Deixámosvos outra peza deste poemario:

vivencias íntimas, transposicións líricas das formas e  singularidades do Outeiro de Rei que vive e habita na intimidade de Manuel MaríaO lugar da conversa
A horta familiar, coa súa fronteira
de pedra e chantos disconformes,
recende dun xeito marabilloso
e penetrante. É o meu reino.
As miñas árbores son o cedro,
a fermosa nogueira e o loureiro.
Con eles converso. E cos plantíos.
Unha paz, doce e fonda, vaime
enchendo de luz o corazón.
Sinto a grave maxestade do solpor.
Calo. E unha descoñecida pomba,
leve, mansa e asustada,
cruza o meu pensamento nun voo súpeto.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*