José Luís Sucasas, adeus a un grande do xornalismo galego

Sucasas

Este sábado soubemos do falecemento do que, sen dúbida, era un dos mellores articulistas do país. José Luis Sucasas (Lalín, 1959) foi deses xogadores que, sen saír nunca dos equipos máis modestos, demostrou un talento descomunal. Cunha sorprendente capacidade para chegar ao universal dende os asuntos máis cotiáns, debuxou con mestría, e sobresaíntes doses de humor e retranca, o día a día da política, da economía e da sociedade na que lle tocou vivir. Sempre dende a modestia do observador de a pé, do fotógrafo privilexiado que é quen de ver, antes que ninguén, esas historias miúdas que se lle escapan a outros columnistas, incomprensiblemente, máis aclamados. Por vontade propia, Sucasas era, entre moitas outras cousas, a antítese desoutra soberbia xornalística.

Finou na comarca do Salnés debido a unha crise cardíaca. A morte chegoulle mentres practicaba o seu deporte favorito: o ciclismo. Economista e enxeñeiro técnico de formación e profesión, tiña dúas paixóns: a literatura e o xornalismo. Como escritor publicou catro libros de narrativa, a maioría autoeditados e non suficientemente recoñecidos: O paxaro que ninguén ve (2002); Soñaron buratos na terra (2003); Pena Furada (2012); e Nunca foi día de todo (2014). Mais sobre todo destacou polo seu extraordinario talento como articulista. Despois de foguearse na prensa comarcal, en 2007 pasou a ser articulista habitual no diario dixital Vieiros e posteriormente en medios como Xornal de Galicia, Praza Pública e Letra en Obras. En 2010 publicou unha escolma de textos xornalísticos que titulou como Outra vaca no millo. Fóra dela quedan centos de textos de indubidable calidade que piden unha nova colectánea.

Ademais de escritor e xornalista, foi un home moi comprometido coa realidade política e cultural da súa comarca de orixe. Militante da esquerda nacionalista, foi edil do BNG en Lalín, Concello que vén de decretar dous días de loito.

Grazas por acompañarnos nesta viaxe, amigo! Ei, Cadrón, con razón, e sempre con ela!

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*