Un golpe de mar sega a vida do poeta Paco Souto

A mañá deste xoves tinxiu de loito a literatura galega. Un golpe de mar segoulle a vida ao poeta Paco Souto, cando andaba a mariscar na costa de Razo (Carballo). Percebeiro de  profesión, foi un nome destacado da poesía galega das últimas décadas: tanto  na faceta de escritor coma na de editor. Con 54 anos de idade, o falecido tamén era concelleiro do BNG no municipio onde residía: Malpica.

Souto comezou no mundo da edición a principios dos 90, cando fundou canda outros o proxecto Edicións do Dragón. Anos despois tamén participaría na posta en marcha da editora Letras da Cal. Como poeta, en 1994 gañou o prestixioso Premio Espiral Maior, coa obra As árvores do incesto. Despois virían outros cinco títulos, o último deles e Caín, publicado o ano pasado en Laiovento. Tamén fixo incursións no teatro e participou en numerosos libros colectivos. Pero máis aló do seu destacado papel como poeta, Souto foi un incansable activista cultural e asociativo na comarca de Begantiños e, particularmente, no municipio de Malpica.

A modo de lembranza e homenaxe, en Letra recuperamos unha das presentacións do seu último libro de poesía.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*