“Sabía que estaba alí, ata lle escoitei roncar o calleiro!”

Investigadores recuperan un feixe de palabras do mundo equino.Investigadores recuperan un feixe de palabras do mundo equino.

A bo seguro que saberán vostedes que un aloitador é unha persoa que suxeita e domina un cabalo empregando só as mans, sen cordas nin outra ferramenta. A popularización das rapas asentou esta palabra no vocabulario común, pero a bo seguro que se lles falamos de “acornellar” ou lles contamos dunha “alobadura”, xa non o temos tan claro. No mundo dos cabalos hai un feixe de verbas pouco coñecidas fóra do sector e de determinados espazos xeográficos e niso investigaron Fernando Groba Bouza, galego do Val Miñor actualmente no Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho e Antón Vázquez Corral, da Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega.

Ambos os dous asinan o artigo ‘Achegas para un dicionario equino galego’, onde podemos ver que, o mencionado no título, “roncarlle o calleiro (a un cabalo)” é como lle din na parte de Muras a un ruído característico dos intestinos do equino ao comezar a moverse, por exemplo ao pasar do trote ao galope, de xeito que unha frase de exemplo que nos poñen sería: “Eu sabía que estaba alí porque o escoitaba moverse, ata lle escoitei roncar o calleiro”. Ou tamén que “acornellar” é arrinconar, acurrar as bestas cara a un recuncho concreto, ao xeito que o escoitaron en Friol. Esta escolma achega case douscentos termos, como “alobadura”, a trabada ou cicatriz que queda despois da mordedura dun lobo, ou “tramoncado”, para o cabalo de peito moi ancho.

Unha linguaxe de especialidade que, como subliñan os autores, atinxe, desde hai séculos, a un amplo abano de profesionais que tratan e viven con estes animais en galego (veterinarios, criadores, simpatizantes, xinetes, amazonas, coidadores, tratantes, carniceiros, domadores, condutores de carruaxes e ferradores).

Se lles presta, poden atopalo completo aquí: Achegas para un dicionario equino galego

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*