Premio de Poesía ‘Cidade de Ourense’: seis mil euros e… tiraxe de 150 exemplares

Premio de Poesía ‘Cidade de Ourense’O Premio de Poesía ‘Cidade de Ourense’ ten o mérito de ser un dos poucos que busca a ponte literaria galego-portuguesa. Nas súas bases, a organización acepta orixinais tanto en galego coma en portugués. O premio en metálico é notable (seis mil euros) e leva aparellada a publicación da obra gañadora.

E a sorpresa está precisamente relacionada coa publicación da obra: o Concello comprométese a unha tiraxe de 150 exemplares (dos que 25, segundo as bases, son para o autor). O baixo número de libros que sairán da imprenta (máis se se pensa que van dirixidos a público lector dos dous peaíses) poden dar idea da dificultade da difusión dos versos (incluso dos premiados).

As bases do premio

Poderá optar calquera persoa que presente obras en galego ou en portugués, orixinais e inéditos, cun mínimo de 600 versos. Os traballos presentaranse mecanografados en follas tamaño folio, en exemplar sextuplicado, debidamente grampados, cosidos ou encadernados. Deberán entregarse a través do Rexistro do Concello de Ourense – Praza Maior, s/ n – directamente ou por correo certificado facendo constar no sobre “Para o XXIX concurso de Poesía Cidade de Ourense”. Os concursantes portugueses poderán facer entrega dos seus traballos na Cámara Municipal de Vila Real (Portugal) dentro dos mesmos prazos.

As obras deberán presentarse baixo lema, indicando “PARA O XXXIII PREMIO DE POESÍA CIDADE DE OURENSE” nun sobre pechado. No interior, e noutro sobre pechado e co mesmo lema, figurará unha fotocopia do documento de identidade do autor (DNI, pasaporte, tarxeta de residencia), enderezo, o seu teléfono e o enderezo electrónico. Unha persoa pode presentar máis dunha obra o Premio, sempre e cando cada unha se presente de forma independente e cumprindo todos os requisitos.

O Xurado cualificador será nomeado pola Concellaría de Cultura, estará integrado por personalidades das letras galegas e portuguesas, a persoa gañadora do ano anterior e un representante da Corporación que exercerá a presidencia. A súa decisión será inapelable e terá lugar no mes de xuño. Nos últimos anos, os nomes dos gañadores foron a coruñesa Eva Veiga, Xavier Rodríguez Baixeras (de Ribadeo), o recoñecido literato portugués Amadeu Baptista ou o eumés Xurxo Alonso.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*