‘Fíos fóra’, xa en aberto na rede o filme de historias ‘entre costuras e patróns’

‘Fíos fóra’, xa en aberto na rede o filme de historias ‘entre costuras e patróns’Chámanse Pura, María, Angustia ou Sabina, e as súas mans enfiaron millóns de horas de traballo que teceron as prendas que medio mundo leva postas. A ONG Amarante-Setém, con longa tradición na defensa das traballadoras do sector téxtil quixo darlle luz a ese traballo invisibilizado polo actual ecosistema da moda e das marcas e homenaxear as operarias do sector téxtil galego.

‘Fíos fóra’ é o documental onde vemos esas vidas e coñecemos eses e outros nomes, de mulleres que despois de anos de sacrificio son apartadas e esquecidas pola presión dun modelo industrial que procura o beneficio máximo sen ter en conta as persoas e fomentando a precariedade.

Hai un ano que se estreou e moitas de vós xa o puidestes ver nalgunha das máis dun cento de proxeccións que houbo polo país adiante. Mais agora, Amarante quere amplificar as voces e, aproveitando o recente 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o documental abriuse ao libre visionado na rede. Non é casual, lembrando que precisamente a reivindicación desa xornada naceu despois do incendio que, nunha fábrica de casmisas, un 8 de marzo de 1911 matou 140 mozas en Nova York. Aquel suceso axitou conciencias e conseguiu importantes cambios nas lexislacións laborais. Mais, un século despois, queda moita loita por diante. En ‘Fíos Fóra. Historias de obreiras, entre costuras e patróns’, dirixido por Illa Bufarda para Amarante, podedes descubrir ese labor, paradoxalmente tan ocultado en Galicia, das costureiras galegas.

Fíos Fóra. Historias de obreiras entre costuras e patróns

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*