Chicharrón: “contra acantilados” cara a excelencia

Unha das bandas que máis está dando que falar na nova fornada pop independente estatal é Chicharrón. Os carballeses demostran a cada paso que queren medraren ao seu aire, sen hipotecas. O resultado é unha progresión sorprendente e unha calidade que vai do notable ao sobresaínte. Unha boa proba é o novo tema que lanzaron hai un par de semanas: “Contra acantilados”. A canción confirma que parte da mellor poesía galega do momento anda electrificada.

Chicharrón deuse a coñecer en 2014 cun disco homónimo. Aqueles dez temas, un tributo ao pintor e músico Alberto Gende, chamaron a atención dos críticos máis atentos ás novas bandas. Alí quedaron gravadas cancións tan sorprendentemente envolventes como Resbalando por gargantas que me devolverán a ti ou Peluquero de maíz.

Dous anos despois chegaba Postal. Un novo salto cara adiante, con doce temas escritos en galego. Poucas bandas con proxección estatal, moi poucas, se atreverían a apostar por este cambio lingüístico. A ninguén se lle escapa que os grandes medios e a industria invisibilizan a música (tamén a literatura) que se fai en linguas diferentes á castelá. Aínda así, os de Chicharrón decidiron seguir o seu camiño. E no mesmo deixaron pequenas alfaias como Renunciando aos meus poderes ou Despois do baile.

Aínda que non sabemos se será este ano ou haberá que agardar a 2018, intuímos (case afirmamos) que “Contra acantilados” é un adianto da xestación dun terceiro disco. E todo apunta a que a uva coa que están traballando poida que sexa excelente.

Podedes catar a primeira copa neste videoclip:

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*