Carlos Casares, a biografía dun contador de historias

Primeira presentación da biografía (na libraría Couceiro de Santiago)

Carlos Casares é sen dúbida un dos grandes da literatura galega da segunda metade do século XX, pero tamén unha persoa que viviu nunha primeirísima fila o tempo que lle tocou: académico, deputado, director de Galaxia, presidente do Consello da Cultura… E, aí vén a sorpresa, tiveron que pasar quince anos da súa morte para que ás librarías galegas chegue unha biografía súa. A propia editorial Galaxia presenta estes días por diferentes cidades e vilas do país o libro Carlos Casares, un contador de historias, escrito polo profesor e académico Henrique Monteagudo.

A primeira das presentacións tivo lugar este mesmo martes na libraría Couceiro de Compostela. Na cita, o autor da biografía conversou con Antón Riveiro Coello e co propio director de Galaxia (Francisco Castro). Mais tamén tomaron a palabra algunhas das persoas que estaban entre o público, entre elas un dos propios fillos de Casares (Hakan).

Portada do libro

Ao longo de algo máis de 160 páxinas, Monteagudo debulla con precisión os episodios máis relevantes da vida e obra do escritor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras. O libro párase en episodios determinantes como son a infancia e mocidade en Xinzo e en Ourense, a desilusión e rebeldía no seminario, o brillo dunha Compostela dos sesenta en constante efervescencia, a revelación dunha promesa literaria, a oposición á ditadura, a consagración como escritor, a admiración pola Suecia socialdemócrata, o compromiso coas institucións nacentes, a paixón polas viaxes ou o activismo a prol da cultura galega.

Un relato biográfico moi necesario para comprender un pouco mellor a Carlos Casares, pero tamén parte da historia recente do país: nomeadamente a do final do franquismo, a transición e a dos primeiros pasos e posterior consolidación das institucións autonómicas.

 

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*