As barberías ilustradas

Á dereita da foto, Masús con Xurxo Chapela antes dunha presentación

A literatura son as autoras, os lectores, as editoras, as librarías, os correctores, as bibliotecas, as distribuidoras… Seguramente unha chea de cousas máis. Pero a literatura galega, coma todas as do mundo, tamén se osixena grazas ao activismo, sobre todo a ese que non aspira a moito máis que poñer o seu gran de area no seu ámbito máis inmediato. Aí, acendemos o foco e poñémolo enriba da Barbería Masús da Laracha, un local de poucos metros cadrados que fai máis por espallar a cultura que moitos concelleiros con dedicación exclusiva.

Falar de Masús é falar dun barbeiro larachés, co aspecto viquingo, que leva xa logo 25 anos na teima de dinamizar culturalmente a vida do seu municipio. Non é amigo dos flashes, e a modestia é un dos seus sinais de identidade, pero poucos coma el teñen traballado tanto dende o anonimato na recuperación da memoria histórica, etnográfica, musical, literaria… Nada cultural lle é alleo na zona. Ese activismo salta á vista na barbería. Mentres un corta o pelo ou rasura o bigote, pode viaxar na historia local e do país montado nos postes que ten pendurados na parede: movementos sociais, grupos de rock ou manifestos.

A pequena barbería acolle exposicións pictóricas, fotográficas ou presentacións literarias nada enfaixadas. Nestas últimas, non falta a degustación de sidra de elaboración propia e petiscos que a organización pon para animar a velada. Os resultados son, cando menos, sorprendentes.

Un dos últimos exemplos foi a presentación do Lémbrome, de Xurxo Chapela. A organización tivo que saír da barbería porque o local non era quen de acoller ás preto de medio cento de persoas presentes. Ah, por certo, todos os exemplares dispoñibles voaron (algo que tamén é habitual).

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*