Víctor Freixanes, novo presidente da RAG

Víctor Freixanes

A Real Academia Galega ten dende este mércores novo presidente. O escritor, xornalista e profesor pontevedrés Víctor Freixanes substitúe a Xesús Alonso Montero, que decidiu non presentarse a unha nova reelección. A diferenza das ocasións anteriores, Freixanes foi a única persoa que se postulou para dirixir a RAG. Nos próximos días decidirase a executiva que o acompañará neste seu mandato, que se prolongará  durante catro anos.

Mais, a pesar de que non se artellou unha segunda candidatura, a división continúa. Este mesmo martes, horas antes de que se celebrase o plenario, un grupo de académicos anunciaban en carta aberta aos medios a súa ausencia da votación de investidura. O comunicado, asinado por Manuel González (o que fora secretario durante a etapa da presidencia de Ferrín), acusa ao grupo maioritario na RAG de non propiciar un diálogo para rematar coa división. Segundo se desprende do mesmo documento, unha das razóns principais que impediron o consenso é o reparto dos postos da executiva que presidirá Freixanes.

Freixanes será o 13º presidente nos algo máis de 111 anos de historia da Academia. Anteriormente ocuparon o cargo: Manuel Murguía, Andrés Martínez Salazar, Francisco Ponte Blanco, Eladio Rodríguez, Manuel Lugrís Freire, Manuel Casás Fernández, Sebastián Martínez-Risco, Domingo García-Sabell, Fernández del Riego, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Méndez Ferrín e Alonso Montero.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*