Un 57,6% de galegos din que leron algún libro o último ano

O índice de lectura en Galicia é menor, pero os que len fano durante máis tempo que no resto do Estado.

lendoO 92,4% dos fogares en Galicia dispoñen de libros (isto sitúa o país no décimo posto se consideramos o ránking autonómico, sendo Euskadi, co 97,5% o lugar coa maior porcentaxe a nivel estatal nunha táboa que pecha Castilla-La Mancha co 86,3%). Así o indican os datos da última ‘Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais’ do Ministerio de Educación y Cultura, que achega datos actualizados ao ciclo 2014-2015 (a anterior enquisa era de 2010-2011).

No caso galego, a maioría de fogares afirma posuír entre 26 e 50 libros (no 21,5% dos casos). Un 18,8% relata ter entre 51 e 100 libros; un 15% de 101 a 200 libros e o 16,4% afirma ter máis de 200 libros na casa (Madrid lidera a estatística dos fogares con biblioteca máis ampla, cun 27,9% onde afirman superar esa cifra de 200 libros).

Entre os que len, case cinco libros por trimestre e unha elevada media de lectura diaria

E alén de posuír ou non libros, só un 57,6% dos galegos afirmaron ter lido un libro no último ano (atrás da media estatal do 62,2%), nunha táboa que lideran Madrid (78,5%) e Navarra (72,1%). No caso galego, un 27,7% di que esa lectura se debeu exclusivamente a profesión ou estudos. Os datos son peores se analizamos os que confirman que leron un libro no último mes, só o 37,5% en Galicia, que aparece como pechacancelas nese indicaron (só por diante de Ceuta e Melilla), datos que son mellores considerando o abano dos tres meses anteriores, onde a porcentaxe sobe ao 46,8% (a media estatal é do 52,9). Peneirando tamén ese abano do trimestre, os datos galegos son neste caso mellores que a media segundo o número de libros lidos nese período: 4,9 libros. No mesmo treito, o tempo medio diario adicado en Galicia á lectura foi de 126,5 minutos, ben por riba da media estatal de 111 minutos e segundos nunha táboa que lidera Murcia. E, manténdose por riba da media (77,3 minutos) o indicador cae se consideramos só a lectura de libros non relacionados coa profesión ou estudos, quedando en 87,8 minutos.

Respecto ao tradicional vs. Dixital, un 12,2% afirman ter realizado algunha lectura dixital no último ano (media estatal é do 17,7). Así e todo, no que toca ao uso específico de lectores dixitais, Galicia, cun 4,2% está pouco por baixo da media do 6%, sendo Madrid (14,8) e Euskadi (9,7%) onde estes trebellos acadaron maior taxa de penetración.

Se miramos o uso de bibliotecas, a estatística indica que un 18,6% da poboación galega acudiu a algunha no último ano (media estatal: 22,7), un ránking que lidera Navarra co 37,7%. No caso do acceso ás bibliotecas a través da rede o índice está en Galicia no 8,6%, por riba da media estatal do 7,9%.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*