De remate, unha novela caleidoscópica

Un texto de María Costa

H8Sl5dX1«Ultimamente non saio dos médicos. Do velatorio ao hospital, e do hosptal ao velatorio. Ou centro de saúde como lle chaman agora os finoles. Disque teño catro veces máis ácido único do normal, así que o doutor me recomendou facer exercicio, non vaia ser que me dea un cólico frenético e quede empotrado nunha cama para a vida.»

(Héctor Cajaraville, De remate)

 

Ficha técnicaTítulo: De remate.Autor: Héctor Cajaraville.Editorial: Xerais.ISBN: 9788499149318.P.V.P. libro: 16,65 €.P.V.P. e-book: 9,95 €.  

 

Dende a marabillosa Crime en Compostela de Carlos González Reigosa no ano 1984, a editorial Xerais entrega na primeira semana de xuño na Illa de San Simón un dos premios literarios máis importantes do panorama editorial deste país: os Premios Xerais.

O ano pasado tiven a sorte de formar parte do xurado do Premio Xerais de Novela. Dous meses de lecturas profundas, de análises de textos e de intentar descubrir polos xiros lingüísticos ou polo estilo da escritura quen era o pai ou a nai desas historias, fixeron inesquecible e extraordinaria esa experiencia literaria que sempre conservarei na memoria como a mellor da miña vida. Agradecementos infinitos para Manuel Bragado, Celia Torres e Fran Alonso.

Desas lecturas, e tras varios encontros, debates, opinións e reflexións sobre as propostas enviadas, todos os membros do xurado acordamos por unanimidade concederlle o premio á obra De remate, do compostelán Héctor Cajaraville.

H. Cajaraville
H. Cajaraville

Héctor Cajaraville (Santiago de Compostela, 1974). É xornalista e desenvolveu a súa actividade en medios de comunicación como La Voz de Galicia e De Luns a Venres, e en gabinetes de comunicación de entidades e institucións como a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, a USC ou o Concello de Santiago. Desde 2011 dedícase tamén a tarefas de corrección para diversos selos editoriais. É coautor do Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato (Xerais, 2014).

Unha sorpresa para todos escoitar ese nome, por aquel entón descoñecido, cando abrimos a plica en Xerais. Un nome que desde aquel 6 de xuño non para de soar: gañador do Premio Xerais de Novela 2015, finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015, gañador do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Raiña Lupa e gañador da XVIII edición do certame de narración curta Ánxel Fole. En palabras de Manuel Bragado, Héctor Cajaraville é un «escritor completísimo, sólido, versátil, chamado a revolucionar a narrativa galega actual». E engado eu: un tipo estupendo. Un tipo o que recoñecín o propio día da entrega dos premios antes de embarcar cara a Illa de San Simón; acerqueime a el e agradecinlle en voz baixa —aínda non se podía levantar o segredo dos gañadores— a súa proposta literaria.

Na memoria de todos os asistentes a entrega dos Premios Xerais aínda fica a dedicatoria ao seu irmán Julio, a quen colleu prestados algúns dos seus poemas, descubertos despois do seu finamento. E, tamén, o recordo aos seus (e meus) colegas correctores, unhas figuras imprescindibles no mundo editorial, que poucos recoñecen e valoran. Un recoñecemento en toda regra para unha profesión moitas veces esquecida.

As anotacións ulteriores fragmentarias do diario personal do xornalista Bieito Sanmarful, a escolma de artigos retranqueiros que alumaron as páxinas do xornal Loaira entre os anos 2012 e 2015—que se converten nesta novela anárquica en relatos literarios independentes—e as súas respostas aos lectores, fan a De remate nunha novela testemuño que nos descubre a Bieito Sanmarful, personaxe dependente e fráxil, á vez que comprometido e autoesixente.

Esta antoloxía xornalística e personal dos últimos tres anos da vida de Sanmarful desvélanos como descubre a súa condición sexual, vive as dificultades da convivencia cun adicto, abisma na subsistencia literaria e personal e réndese a contradición dos sentimentos ata o final dos seus días.

De remate narra un pasado documentado que conforma unha amálgama de estilos metaliterarios na que comparten protagonismo o propio autor e as súas obsesións, cismas e zunas. Unha novela caleidoscópica, así acuñada polo xurado, na que tamén asistimos ao retrato sociolóxico de Galicia, a xogos lingüísticos intelixentes e ao humor e ironía da vida cando comeza unha loita mortal.

Booktrailer de De remate:

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*