‘André Arzúa, Cociña II’, unha pequena xoia da literatura gastronómica

Alberte Sánchez e André Arzúa
Alberte Sánchez e André Arzúa

Por desgraza, non é moi habitual que se publiquen libros gastronómicos no noso sistema literario pero máis excepcional é que aparezan con tanta calidade como a que atesoura o último traballo de André Arzúa, o cociñeiro do restaurante A Fábrica de Vilanova (Allariz). O chef apostou por autoeditar un novo libro coas súas experiencias culinarias que se transforma ao saír da imprenta nun verdadeiro traballo de ourivería.  Tal e como sinala o crítico gastronómico Manolo Gago “o novo libro de André Arzúa, Cociña II, supón un salto cualitativo dos libros de gastronomía en galego, o mellor editado ata o momento ao meu ver.”

Ademais da recoñecida traxectoria de Arzúa na cociña, hai sen dúbida neste libro unha achega moi singular en todo o que ten que ver coa forma (fotografía, deseño e edición). E aí está a man precisa do fotógrafo e deseñador Alberte Sánchez Regueiro (Distrito Xermar). O cercedense contribúe de xeito decisivo a que a obra mude en algo que vai moito máis aló dun mero libro de receitas. Como resalta Gago, con contados recursos, o libro gastronómico é quen de situarse, no que respecta á calidade de edición, á beira das máis afamadas publicacións internacionais. Sen dúbida, un bo agasallo para estas festas,  especialmente recomendable para os amantes da cociña, da fotografía e para os que estiman o libro como obxecto.

 

 

1 Comentario

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*