Vigo

Un texto de Alba Méndez

Lenin dicía “que a verdade é sempre revolucionaria e que se non es parte da solución es parte do problema”.

“Toda cidade, por pequena que sexa, está dividida do feito en dous: unha é a cidade dos pobres e a outra é a cidade dos ricos. Ambas están en guerra entre si.” (Platón)

Alba Méndez
Alba Méndez

Aínda non me afixen a vivir na cidade gris.  A néboa espesa en conxunción co fume dos coches ou o fedor das desigualdades sociais aféctame aos bronquios. Oprímeme o peito e á sensibilidade. Non se respira ben e dígoo porque mentres centos de persoas colllen a diario restos do lixo, outros, patróns e empresarios aprovéitanse até sacarlle as vísceras aos seus empregados coas condicións máis escravas que nunca. Outros xefes débennos pasta. A miseria que blasfemo é o seguinte leimotiv. Deberiamos aprender do Que facer? E organizarnos, indígnate! Pero como hai moitas persoas que estarían dispostas a traballar por menos se non aceptas as condicións quítanche o posto da noite para a mañá, contradiste e recúas? Ou á rúa que o leite continúa? Como din os Ültracans… Seguimos tomando cafés sen fin, currando até reventar na roda do capitalismo en condicións infrahumanas, que como ben dicía o Che é o  xenocida máis respectado do mundo. Coa crise cómpre reflexionar.  Sei que non digo nada novo, pero paréceme sangrante.

Por outra banda, cáusame xenreira as donas que van con abrigos de visón e gastan toda a súa enerxía e cartos nun centro comercial, no canto de coñecer a natureza coas súas crianzas, por exemplo. Ou que a miña pándega compañeira de piso vexa como Belén Esteban entra en sintonía coa súa vida mentres eu  escoito a Javier Krahe e como voz ceibe pretendo entender que fai xente da miña idade vendo telecinco. E non entendo nada. Sonche tan alternativa por non ir ao Arenal e non ver Mujeres y hombres?  Se nos deran algún obxectivo máis claro polo que loitar, cecais sería máis doado. Aínda así, renego desa onda vital. Coido que tiven sorte coa educación e cultura alternativa que recibín. Pero ás veces vendo á sociedade absurda danme ganas de facto de  cuspirlle polas tumbas a máis de un. Prodúceme a Náusea de Sartre.

Como o de Chus Pato o meu corazón segue un ritmo veloz, coma  Vigo, que é tan heteroxéneo e esperpéntico que nun mesmo sábado estaban ruando a tuna coas rancheras desafinadas;  gaiteiros e pandereiteras cantando: na cona da vella non manda ninguén!; a xente mercando sen acougo ningún mentres escoito a  Shostakóvich coa súa atonalidade;  dúas manifestacións dos que aínda teñen preferentes e outra en contra dos recortes. Puiden ver tamén señoras de bien con pamelas e señoritos con garavata criticando aos rebeldes. E cando esas persoas paguen por ir ao médico ou operacións ou cando estean a piques de entrar no cadaleito no último pensamento viralles á mente Marx, Beiras, Caballero coa súa voz omnipresente como alcalde demagóxico, ou  ficarán afogadas polas Mareas sociais nunha cicloxénese ou tsunami contra o barco de Coia ou co mesmo  Pablito Iglesias contra súa caspa, digo casta e romances que a ninguén lle importan? Where is my mind? Que barullo! Que contraste cromático! Eu sonche unha meniña dunha vila mariñeira, e déixome levar polo son das vagas do mar docemente. Nadando lene.

En fin, menos mal que nos queda Portugal dicía S. T.  aí ao lado para marchar nunha evasión de lusofonía a comer bacallau ou ir mercar toallas. En serio, por sorte, temos concertos sublimes dalgúns garitos en Vigo como O Xancarajazz, a Iguana, O Uf, A casa de Arriba, os multicines Norte para evadirnos e chorar en dramóns alternativos, algún local social e o activismo sempre . Alén diso,  hai esceas fermosas ou paisaxes que tamén nos poden facer suspirar ou dar pracer para os sentidos. Encántanme as postas de sol impresionistas coas Cíes ao fondo, o Castro e os  paseíños  polos entrañábeis recheos da costa e no monte Galiñeiro, os verdes labirintos en Castrelos ou no monte Alba, por exemplo, onde deixaron a súa pegada montañeiras celtas, coma a miña nai. Tamén é divertido ensinarlle aos guiris algunhas esculturas como a de José Martí, Verne, os Cabalos na rotonda máis estresante que vin nunca para conducir con choiva!! Mentres lles explicas quen é o home que cruza a rúa de peóns en inglés e Ferrín fica abraiado e pensativo, pero eu non penso saúdar… Ou mesmo encántanme os edificios de Palacios, os Anxos con retranca que coroan bancos!  O Ovo da zona chic… Malia que a maioría da arquitectura sexa unha desfeita, haxa ionquis e prostitutas, desgraciadamente, tamén hai edificios que non caen e rúas lindas no casco vello, Cesteiros. Incluso, ascensores preelectorais!!!!!  Améiganme as boas persoas, ferve a cultura e bohemia nas librarías aquí e nos concertos, cando escoito falar galego, ohhh, siii, es que te vivo en el Centro!  Déixanme enfeitazada algunas pinacotecas, onde vin cadros de Dalí, os novos locais ecolóxicos, o Lagharto Pintado de Anxo Pintos ou que a colexiata de Santiago de Vigo toque a Negra Sombra. As campás ecoan a melodía adversa rosaliana porque Vigo ten a súa cultura con arrecendo a país diglósico, pero con moita loita de clases, cos compañeiros do metal e sindicatos a esgalla. Vexo na casiña  as reproducións da maré salvaxe de Sobral, de Lugrís e de Díaz Castro co puño ergueito, as bateas, o bidueiro, os libros e os discos dos colegas escritores, as fotos do cotiá e da xente que queres… Deste xeito podo durmir malia o ruído e manteño o meu lapsus do escrito até aquí en segredo. Shhhh!

E sobre todo, gosto das miñas clases de música e de idiomas. Dicía Lizst que a música e o corazón da vida, por ela fala o amor e sen ela non hai ben posíbel, co que tenho moita sorte de adicarme ao que me gusta.  Ser meniña é fermoso, coa súa inocencia e aloumiños sempre. Eles e elas sorrín sempre entusiasmados porque diso trátase a vida, non? De ser positivo e ter e gozar das aprendizaxes, demostrar afectividade e espontaneidade sen medo para formarse e non preocuparse en exceso malia vivir na cidade descolorida. Porque as crianzas, sempre van crear con amor e debuxar melodías con cores brillantes e voces brancas. E sobre todo, van quererte e adorarte coma ti es, cos teus erros, coas túas imperfecións, como se foses unha cidade bella en pleno  apoxeo e construción. Serei unha soñadora, como me dixo unha pícara que tiña un aire á versión sana e feminina de John Lennon mais se cadra algún día faremos unha República, como a de Platón, coa súa metamorfose, onde dominará por fin a xustiza fronte o desorde desta cidade imperfecta. Imagine…

A memoria é o espacio da reapropiación.
Vivo para contalo. Gardo tódalas fotos
para as que me pediron que sorrira.
Agora me decato de que endexamais prescindín
do trazo, da impiedade.
Porque a caligrafía consiste na ilusión de que non nos torcemos

(María do Cebreiro)

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*