O certame de narración breve máis dotado do momento(seis mil euros) vai para o municipio da Pastoriza. O xurado escolleu o relato O vello e o minotauro, de Jesús Castro Yáñez, un mozo que vén de cumprir os 23 anos de idade. O fallo anunciouse esta mañá no Concello de Cotobade. Nesta primeira edición houbo unha altísima participación: 180 relatos a concurso. O xurado estivo composto por Armando Requeixo, Fina Casalderrei e Carme Villarino.
A pesar da súa xuventude, Castro Yáñez gañou diversos premios nos últimos anos, entre eles o Minerva e o Díaz Jácome de poesía. Ata o momento só ten publicado unha plaquette bilingüe (galego e castelán) que está dispoñible en rede de balde: Spike-and-wave.