A vida sinxelizada

Un texto de Vidal

Vidal
Vidal

En La noche del terror ciego, Roger (César Burner), macho de vestir charramangueiro e exceso de bronceado, convence a Beth (Lone Fleming), sen saber da súa condición de lesbiana dubidosa, para iren pasar xuntos unha fin de semana a unha rexión rural portuguesa coa seguinte frase aproximada: “Verás unhas paisaxes estupendas”. Eran diálogos moi comúns naquel tipo de cinema. Na vida real, aínda naqueles estraños anos 70, e malia que non tivera ela nada contra a práctica do sexo heterosexual, Roger probablemente recibiría unha aprobación desapaixonada antes dunha negativa educada con pretexto pouco convincente. Se lle tivera dito “Faremos o Camiño de Santiago das pistas de baile e dos hoteis de luxo a bordo dun Maserati”, aínda…

Coma este exemplo, haberá milleiros no cinema de baixo orzamento. Non pode pensarse que o cinema, ou a arte en xeral, deba amosar por norma a realidade. Con moita frecuencia, o que amosa é unha versión “sinxelizada” da realidade. E invento tal palabra por non dicir “simplificada”, pois non é o mesmo. O artista fai, neste sentido, o que o resto da humanidade se nega a facer: retratar a existencia como debera ser, elementalmente sinxela. Un camiño fatigoso de andar por longo que, a diferenza do camiño que case todo humano segue, os camiñantes non van estrando de pedras a medio enterrar para mancar os pés xa cansos do que veña detrás. Isto último case sempre sen propósito verdadeiramente xustificado, unhas veces por coidar que o seguinte pode empecer a súa supervivencia, outras por ese impulso arraigado en moita xente aquí gracias á moral ultracatólica consistente en non atopar xusto que o veciño obteña nada sen pagar prenda.

Penso en todo isto hoxe, cando a lectura dun xornal ou a visión dun informativo é acto máis ben lúdico ou ritual, pois faise imposible saber con certeza se se pode acreditar no lido ou oído, ou ben é unha nova manipulación; como tampouco se pode saber se o que o banco che está a vender con autorización gobernamental non é unha estafa encuberta, nin se o que estás a comer non te fará mutar pasado mañá en cefalópodo. De tan complexo e traizoeiro, xa non se poden coñecer as entrañas deste mundo no que se vive. Cando tal afirmación oe un, a reacción máis común e a indiferenza, por ser feito consabido, mais é algo profundamente terrible.

Hai tempo, sentinlle dicir a alguén que un día habería que regresar sen outro remedio á vida de labrego, á relativa sinxeleza desa existencia, lonxe dunhas cidades nas que xa non teriamos cabida por incapacidade para atopar sustento. Gustaríame crer que esa persoa estaba no certo. E non porque sexa eu coma eses europeos do norte que mercan casas en aldeas de 10 habitantes no Caurel antes de botar en falta unha sala de cine, que non o son, senón porque iso significaría que somos moscas capaces de saír da arañeira tecida pola araña que nós mesmos cebamos.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*