Dez anos de Ézaro

Un texto de Marcelino Fernández Mallo

Marcelino Fernández Mallo / Foto: Distrito Xermar
Marcelino Fernández Mallo / Foto: Distrito Xermar

Levamos uns anos que todo parecen malas novas para os medios escritos en galego. Á triste desaparición de Vieros, axiña se sumaron as igualmente lamentables perdas de Xornal, A Nosa Terra, Galicia Hoxe ou A Peneira. A que semellaba imparable cadea de desmantelamentos representou un duro golpe para o idioma e mesmo para a moral dos galegos que teñen na súa lingua un referente cultural e de pertenza a unha comunidade secular.

Unha parte da cidadanía reaccionou de xeito bravo e en consecuencia conseguiron artellarse en pouco tempo varios proxectos de información online en galego dos que hoxe en día seguen vixentes Praza ou Sermos. Merecen unha mención específica tamén a revista dixital GCiencia que hai pouco cumpriu un ano e Luzes, unha publicación en papel de recente lanzamento cun marcado carácter cultural e de vangarda. Apostas con máis experiencia consolidáronse xa fose no eido virtual como Galicia Confidencial, no mundo papel como a revista de pensamento Tempos Novos ou en ámbolos dous ámbitos como o medio especialista en tecnoloxía Código Cero.

Ézaro Edicións supón unha iniciativa que quizais se coñeza algo menos ca os proxectos anteriores. Naceu hai dez anos dende o seo da empresa compostelá Nortideas Comunicación. Ademais da publicación de obras de fición e non fición, en galego e castelán, sobre temas sempre centrados ou orixinados no País, Ézaro promoveu en 2008 a edición dunha revista de insólita calidade tanto no seu formato como respecto do seu contido.

Galegos naceu destinada a formar parte da mellor tradición editorial que salvagarda a nosa historia. Leva vinte números publicados, cada cal cun índice máis interesante. Pode presumir de ir ao fondo nos seus artigos, de abrir as portas a un alento plural e conciliador, e de facelo ademais con vontade de homenaxe e descuberta. Nas distintas revistas de Galegos podemos atopar os chamados “Encartes” nos cales fican publicados documentos inéditos de incuestionable valor para a nosa cultura.

Este décimo aniversario de Ézaro coincide co número 20 de Galegos. Eu propóñovos que vos acheguedes a él: sentiredes orgullo e un certo alivio ao comprobar que a edición por, para e dende Galicia aínda ten moito que contribuír á construción do país.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*