As multas non poden cos libros

Un texto de Ramón Vilar  

A verdade é que nunca reparo se cando me ergo da cama o fago co pé dereito ou co esquerdo. Ademais de non ser demasiado supersticioso, son pai de nenos de curta idade e tócame conciliar. Así que ben poderán imaxinar como pasan as mañás: corre pola casa, onde metín a cazadora deste, como non me dei conta que se acabara o cacao, un quere ver o Xabarín o outro o Clan, cambiar o cueiro no momento máis inoportuno…Para que lles vou explicar máis desa intensísima hora e pouco que transcorre entre que se erguen da cama e os deixas na escola e na gardería.

Este martes que lles vou relatar debinme levantar, por dicilo con suavidade, de cachas. O máis pequeno, que acaba de cumprir dous anos, andaba incubando un deses primeiros virus do outono. Así que levei ao maior á escola e decidín darlle descanso ao cativo. Chamei aos avós para avisalos de que tiña unha xuntanza de traballo en Compostela e que lles ía deixar o neto pequecho.

Aló me fun. Nada máis aparcar diante da casa de meus pais vexo un coche da Garda Civil de Tráfico e un axente que vén coma un foguete.

-Sabe usted cómo tiene la placa delantera del coche? Espéreme aí!

O tipo andaba un pouco apurado porque el máis o compañeiro tiñan parados a un tratorista ao que xa lle estaban dando a TPV para que pasase a tarxeta. Xa saben, esta cousa de pagar no momento que parece que estás na ringleira do hipermercado. En fin.

-Mire, eu entendo que vostede fai o seu traballo, pero en serio que lle parece que isto é sancionable? A placa de atrás está perfecta e nesta de diante, aínda que é certo que está un pouco tocada, lense á perfección todos os díxitos e as letras

-Si, pero dese cuenta que puede confundir al radar.

-Home, do radar iso si que non. Pode comprobar que aínda me meteron unha multa hai poucas semanas na Ponte das Pías por ir a 59 km/hora nun sitio limitado a 50.

-Pues tuvo mala suerte porque a esa velocidad antes no multaban.

O tipo apurou a explicar que a sanción eran 200 euros, a metade se desenfundaba rápido a carteira. O de ver un garda civil con TPV sei que é moderno pero quedar queda un pouco raro non cren? O caso é que despois de entregarme o papeliño de marras dixo que podía ir sen problema a Santiago.

Logo da escornadura cos de Tráfico veu unha mañá de traballo lamentable e unha tarde que tamén vai ser boa de esquencer. Mais a vida ten as súas compensacións, iso que lle chaman algúns xustiza poética. Ao chegar á casa, non ben abrín a porta, R. e M. viñeron correndo ao meu encontro traendo canda si todo o barullo do mundo.

-Papá, sabes que hai raposos polares?

E daquela esquencinme das multas, dos días anódinos de traballo e celebrei que a Baía Edicións se lle ocorrese traducir á nosa lingua A miña primeira enciclopedia de animais.

 

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*