Ecdemomanía

Un texto de Fernando Arrizado Abuín

Arroia e zoa o vento na Baixa. Os paraugas baten uns cos outros; tamén contra os muros das casas, como coches de choque. Unha muller asiática pasa ao meu carón. Son os beizos máis belidos que teño visto nos últimos cinco minutos e, porén, casaría con ela mañá mesmo. “Adeus, meu amor”.

Fernando Arrizado
Fernando Arrizado

(…) Poño os auriculares e o telemóvel avísame de que a tal volume podería quedar xordo. “Máis ruidoso e nocivo é o silencio”, penso, e acendo o quinto pitillo da mañá. Volve pitar: a morte da batería é eminente. ‘Perfect Day’ fica quebrada pola metade. Pinta mal. Vai ser mediodía, os aborixes toman o almoço e eu pido a enésima Super Bock. -“Tudo bem?”; -“Ótimo”. (…) A pantalla de TV e mais eu somos os máis novos do bar. Os leões marcan o terceiro contra os dragões e regreso ás páxinas do Jornal de Notícias: serán os primeiros orzamentos desde que marchou a Troika e a min xa hai tempo que todo me importa un carallo. A saudade devórame as tripas, a tristura faime cóxegas na gorxa e no peto levo unha servilleta de papel coa palabra ‘morriña’ escrita setenta veces sete en tipografías diversas. (…) Este puto vento ha de acabar comigo. A cabicha móvese pola rúa como un saltón polas viñas sacras no verán. Esquiva os coches. “Ten vida propia. Deilla eu”. Un autocarro esmágaa e tira do seu corpo unha derradeira faísca de vida. A noite ponme medo, e eu poño medo na xente. Un grupo de turistas provócanme unha arcada e subo da Ribeira ás carreiras (…) Quédanme exactamente tres ouros e corenta e sete céntimos. Se apunto ben dáme para outras dúas, aínda que a lingua xa me pide doce habanero e o peito, unhas hostias. Moito máis fácil que che rompan a cara ca que che dean un abrazo. Que máis dará … carne con carne, pelexos alleos en contacto, sen importar a potencia e a velocidade á que se aproximen … e o corazón que se desboca, e o corazón que asolaga con sangue e vida o corpo-cadáver (…) Estou empoderado. Sou empoderado. Acabo de me coroar emperador do meu mundo e teño pensado esmagar como a unha cabicha a esperanza de todo canto humanoide cuestione o meu trono (…) Quero estar na miña casa. Non en Boavista, non en Buenos Aires, non en Laponia. Quero? Podo? Quero e non podo? Ou nin quero nin podo? (…) Pola mañá irei vivir a Moscova e xantarei despois enriba do Kilimanjaro vendo África enteira; na tarde navegarei as costas de Oregón e á noitiña beberei viño en Toowomba (…) Esperto e todo foi un soño. A cela é real, o cubículo segue a ter catro cativas paredes e o váter a cheirar a merda de outros. Un cempés con dentes de cabalo e brida mongólica avanza pola parede cara a min. Relambe os beizos, preciosos, e dime en mandarín: -“Tranquilo, non é un soño. Estás morto”. Fóra, como na Baixa, arroia e o vento zoa.

Deixar resposta

Please enter your comment!
Please enter your name here

*